BNG, clubs e asociacións reclaman a nave almacén do Porto para uso deportivo
O pleno aprobará por unanimidade a moción presentada polos nacionalistas e avalada por máis de 2000 sinaturas
Concelleiros do BNG, e as directivas dos clubs deportivos de remo e piragüismo de Marín xunto coas asociacións de Pesca deportiva Tenlo e Amigos dos Rapaces, compareceron hoxe en rolda de prensa para reclamar o uso náutico-deportivo da nave almacén situada no Porto de Marín e próxima ao paseo marítimo Alcalde Blanco.
Máis de 2000 sinaturas a favor do uso público da nave
Dende que no mes de xuño o BNG dera rexistro ao texto da moción para reclamar o uso público desta nave en canto quede libre da actividade actual, os clubs e asociacións levan recollidas máis de 2000 sinaturas para demandar que a nave non sexa demolida unha vez quede libre do uso actual, que é o de almacenar bovinas de aceiro.
A empresa que actualmente ten a concesión, Pérez Torres Marítima S.L, xa ten solicitada a licenza para o traslado da súa actividade á zona de servizo do Porto. Por este motivo instamos ao pleno e ao goberno local a que en canto quede libre deste uso reclame a concesión do uso da nave para poder rehabilitala e destinala á albergar aos clubs e asociacións de Marín vinculados a actividades náutico deportivas, informou a portavoz do BNG, Pilar Blanco
Dificultades dos clubs para desenvolver a súa actividade
Alfonso Fernández, presidente do Club de Remo Ría de Marín, expuxo as dificultades actuais que impiden que o club desenvolva a súa actividade con normalidade: As restricións por parte da Autoridade Portuaria son cada vez maiores xa que temos que acceder ao mar nunha zona con moito tráfico de buques, hai controis continuos de acceso e non temos espazo dentro da nave actual nin para albergar o material nin moito menos a todos os rapaces e rapazas que queren participar e formar parte do noso club e das nosas actividades.
Pola súa parte, Luís Pesqueira, presidente do Club de Remo Tambo, engadiu que queremos que a nave almacén non se demola unha vez que quede libre. Os clubs precisamos urxentemente de máis espazo porque onde estamos non temos futuro. Esta nave ten acceso directo ao paseo e ao mar e só pedimos que a rehabiliten para poder albergar as ducias de rapaces e rapazas que queren facer deporte náutico.
Tenlo tamén a favor
Pola súa parte o club de pesca deportiva Tenlo, que asocia a numerosos mariñeiros de Marín, e que difunde o arte de pescar tamén entre os máis novos, acompañou aos clubs de piragüismo e remo na súa reivindicación e porque, aínda que nos teñen un local no Parque Azul do Cantodarea, vense obrigados a utilizar un container , polo que pagan 120 ao ano á Autoridade Portuaria, para poder gardar os aparellos preto das embarcacións que deben deixar no antigo muelle. O uso público desta nave libraríanos desta taxa e facilitaría a súa actividade.
Aprobación no pleno da corporación
A moción presentada polo BNG, será aprobada mañá no pleno, despois de que o grupo de goberno do PP, comprometera o seu voto a favor.
Queremos que a xente volva sentir o vínculo de Marín co mar ao mesmo nivel que outras vilas do noso entorno
Este é só o inicio, pero sentímonos satisfeitos de que a moción se vaia aprobar, e estamos dispostos a seguir pelexando por un proxecto porto-cidade que asegure o futuro de actividades deportivas tan emblemáticas e unidas a Marín como son o remo, o piragüismo e a pesca deportiva, e por gañar espazos para que a xente volva a sentir o vínculo de Marín co mar ao mesmo nivel que noutras vilas do noso entorno, afirmou a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
Marín, agosto de 2014