Ramallo era coñecedora da sentenza antes de que entrase por rexistro
A alcaldesa oculta a información sobre o PXOM igual que fixo coa sentenza sobre os recheos do Porto
A alcaldesa coñecía o resultado da sentenza sobre o PXOM polo menos dende o día 10 de xullo, día na que foi publicada e comunicada ao abogado do Concello e asesor persoal da alcadesa, e á procuradora do caso. Polo tanto é coñecedora da sentenza moito antes de que entrase por rexistro, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.
Xunta de portavoces
A xunta de portavoces celebrada o día 4 de agosto, foi convocada pola alcaldesa a petición do BNG con motivo da sentenza do Tribunal Supremo sobre os recheos ilegais no Porto de Marín e a repercusión sobre o derrubo da nave de Cabo Mar, aclara Vilaboa.
Seguimos preguntándonos que máis oculta a señora Ramallo
Nesa reunión, durante a cal só falou a alcaldesa, informouse dos recursos interpostos sobre o Planeamento mais sen facer referencia á sentenza que xa estaba en posesión da señora Ramallo, e que precisamente entrará por rexistro ese mesmo día. A pesar de que o venres desa mesma semana tivo lugar o pleno ordinario, a alcadesa seguiu ocultando o documento ao conxunto da corporación, e polo tanto á cidadanía á cal representamos, afirma o que fóra concelleiro delegado de Urbanismo.
Sentenza
A alcaldesa, que fala por boca do seu delegado de Urbanismo porque non se atreve a dar a cara, debería saber que a sentenza anula unha serie de artigos nos cales se regulaba a ubicación das antenas de telefonía móbil no noso concello, indica. A aprobación do Plan foi anterior a lei estatal e non ao revés como afirman dende o goberno local.
O obxectivo do PXOM era sitúar as antenas fóra dos núcleos de poboación, condición que agora vai cambiar. Os servizos técnicos deben informar sobre como nós vai afectar este cambio e a cidadanía ten dereito a sabelo, non se lle pode ocultar, afirma Vilaboa Ramos.
Se o PXOM ten erros a cidadanía ten dereito a saber cales son e como lles afectan
A día de hoxe aínda non se nós fixo entrega do texto da sentenza a pesar de que, como todas as demais, é pública, pero neste caso a alcaldesa, que controla o rexistro do concello, decidiu que só ela pode ter acceso a unha información que nos afecta a todos, engade.
Falta de transparencia
Seguimos a preguntarnos que máis oculta a señora Ramallo. Se o PXOM ten erros a cidadanía ten dereito a saber cales son e como lles afectan, mais neste caso, como no dos recheos do Porto, Ramallo só busca esconder o seu fracaso mentres mantén o Plan paralizado e os retrasos nas licenzas están a desesperar a unha poboación que esperaba que co PXOM aprobado cambiasen as cousas no noso concello, finaliza Vilaboa Ramos.
Marín, 21 de agosto de 2014