O goberno local dalle as costas aos emprendedores de Marín
O PP rexeita a proposta do BNG de abrir o viveiro de empresas ás iniciativas empresariais e comerciais do municipio
O goberno local do PP rexeitou durante o pleno celebrado o venres pasado, a posibilidade de abrir o viveiro de empresas ao tecido asociativo de Marín e a actividade comercial e empresarial do municipio.
O PP pretende poñer a disposición dunha soa asociación, sen implantación en Marín, un espazo situado dentro da Zona de Servizos do Porto, mais edificado con capital público, para a posta en marcha de novas tecnoloxías aplicadas á práctica empresarial e industrial, en materias náuticas e portuarias no Porto de Marín e o seu entorno, restrinxindo así a posibilidade de que calquera iniciativa, a nivel individual ou colectivo, poida facer uso desta instalación, e limitando a actividade ao ámbito privado, dirixido ademais por unha asociación allea a Marín, e sen contar en absoluto co tecido asociativo comercial e empresarial de Marín, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
O PP unilateralmente, sobardando os acordos baseados no Plan de Emprego proposto polo BNG, vincula a creación dun viveiro de empresas á Asociación de Jovenes Empresarios de Pontevedra, restrinxindo a súa actividade a empresas portuarias e á súa industria auxiliar, pechando así a posibilidade de crear un viveiro de iniciativa pública e destinado a todo tipo de empresas e propostas emprendedoras que xurdan dentro do noso municipio, engade a concelleira nacionalista.
En ningún momento se tivo en conta a opinión dos demais grupos políticos, e o que é máis grave, tampouco se contou co tecido asociativo de Marín ligado á actividade comercial e empresarial, a pesar de que houbo ofrecementos dende a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín para impulsar o viveiro ou organizar cursos de formación. Esta cuestión ten aínda máis calado despois de ter coñecemento de que a Cámara de Comercio de Pontevedra pretende organizar cursos dirixidos ao comercio e pequena industria, afirma a edil do BNG.
O PP rexeita a emenda do BNG para abrir o viveiro a todo tipo de empresas de Marín
A pesar da pouca marxe de tempo entre a comisión informativa, celebrada na mañá do venres, e o pleno, que se celebraba pola tarde, o BNG intentou emendar o acordo para que todo tipo de iniciativas emprendedoras xurdidas no noso municipio tivesen cabida no viveiro de empresas que se emprazará no edificio do Parque Azul, propiedade da Autoridade Portuaria: Propuxemos que o viveiro fose de iniciativa pública e municipal co obxectivo de crear novas oportunidades de emprego á veciñanza de Marín, contando coa colaboración do tecido asociativo de ámbito municipal e ligado á actividade comercial e empresarial, coa posibilidade de coordinar a posta en marcha do viveiro e da súa actividade de xeito transparente, pero o PP négouse de plano, finaliza Pilar Blanco.
Marín, 12 de xullo de 2014