Os gastos do PP en horas extra e contratos privados darían emprego a preto de 70 persoas en Marín
O goberno de Ramallo gasta preto de 240.000 en pagar horas fóra da xornada laboral e servizos externos incumprindo o acordado a través do Plan de Emprego proposto polo BNG
O BNG calcula que os gastos do PP en horas fóra da xornada laboral e contratos privados darían emprego a preto de 70 persoas.
Incumprimento do Plan de Emprego
Se sumamos estes gastos dan un total de 357.484 entre o gastado en horas extra e os contratos privados, o cal posibilitaría a contratación de preto de 70 persoas con contratos rotatorios de tres meses de duración para acometer a constante demanda de pequenas actuacións para a mellora dos nosos barrios e rúas, ou a necesidade de actuacións sociais, deportivas e culturais. Estamos a falar de pequenas reformas de beirarrúas, limpeza de rúas e prazas, reposición e mellora en xardíns, pintar mobiliario urbano, ou dos servizos de praias.
Isto foi o aprobado e acordado a través do Plan de Emprego Municipal que propuxo o BNG e que o PP está a traizoar recorrendo continuamente ao pago de servizos extraordinarios que non o son e a contratación privada a empresas que nin sequera contratan a xente de Marín, afirma o concelleiro do BNG.
Preto de 250.000 en horas extraordinarias
O goberno de María Ramallo gastou un total de 161.484,66 en horas extraordinarias no ano 2013, e no que levamos de 2014 xa se gastaron 75.957,96, o que indica que o descontrol é cada vez maior e supera xa o recen aprobado orzamento para o ano en curso, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa
Hai casos nos que os traballos encomendados fan que haxa operarios que teñan que dobrar a súa xornada mensual para acometer as obras requiridas polo Concello, de xeito que se vulnera o Estatuto dos Traballadores que fixa un número de 80 horas extraordinarias como máximo ao ano, mentres que no caso do goberno do PP chéganse a encomendar máis do dobre desa cantidade, engade.
Poderíamos pensar que son traballos debidos a avarías ou circunstancias inevitables, mais basta facer unha análise dos servizos encargados para decatarnos de que se trata de tarefas ordinarias e repetitivas que se encargan fóra da xornada laboral por unha falta total de organización por parte dos responsables municipais. As horas extra acumúlanse no servizo de obras, limpeza, xardíns e augas, e en traballos rutineiros como chorreo de rúas, colocación de sinais, colocación de baldosas ou limpeza de fontes e colocación de plantas nos xardíns, afirma o edil nacionalista.
A contratación de servizos externos superou os 120.000 en 2013
O mesmo poderíamos afirmar en canto ao criterio de contratación de servizos externos por parte do goberno do PP, para acometer tarefas como a limpeza de praias, poda de árbores, desbroce de camiños ou chorreo de beirarrúas. Os gastos neste concepto superaron o orzamentado en 2013, e superaron os 120.000 só nos conceptos de xardíns e medioambiente, ambos dirixidos por Mariám Sanmartín, afirma Vilaboa Ramos.
Marín, 20 de xuño de 2014