Favoritismo e ilegalidades nas obras do camiño de Aguete
Este goberno do PP pon a adminstración a servizo dos seus, ocultando as denuncias e poñendo en entredito a honorabilidade de quen se atreve a denunciar os feitos, e isto é gravísimo, afirma Vilaboa.
O recente altercado entre o concelleiro do Rural do PP, Ramiro Gestido, e un veciño, non son máis que a punta do iceberg que se esconde debaixo: as denuncias dos veciños non se resolven no xulgado, a alcaldesa debe sometelas a informes técnicos e tramitalas segundo o establecido pola lei. Neste caso non se fixo porque está protexendo e beneficiando ao seu concelleiro, o cal é un feito gravísimo que non se pode ocultar, declarou o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa durante a rolda de prensa concedida este mércores.
Vilaboa explicou que os feitos remóntanse a outubro do ano pasado cando o goberno do PP anunciou unha actuación nos camiños do rural, entre os cales se atopaba o Camiño de Aguete, en base a un proxecto redactado polo propio Concello e a unha subvención soliticitada á Deputación.
A intervención, que segundo o proxecto debía limitarse ao asfaltado, rasantes e recollida de augas, na realidade consistiron no ancheamento de 2 a 8 metros, e xusto até a vivenda do concelleiro do PP, Ramiro Gestido, o cal conlevou a construción de muros particulares e ocupación de terreos privados, sen que se tramitase ningún proxecto nin expediente de cesión.
O goberno do PP sempre defendeu que as obras se facían en colaboración cos veciños, e ante a pregunta de si contaban con proxecto e expediente de cesión a resposta foi negativa, polo que o BNG solicitou informe do Servizo de Urbanismo a través dun escrito presentado o 7 de novembro, explica Vilaboa.
Todos estes feitos demostran que o goberno do PP utiliza a admnistración pública ao seu favor
Finalmente os servizos informan (17 de novembro), que a día da data non se levou a cabo tramitación algunha desas actuacións no Servizo de Urbanismo.
A pesar disto as obras continuaron. É máis, á solicitude dese servizo para que a Policía fixera visita de comprobación nunca chegou ao seu destino porque o concelleiro de Urbanismo négouse a firmar a orde. Estes feitos son gravísimos e están cualificados non Código Penal, afirma Vilaboa.
Altercado e vivenda do señor Gestido
Os feitos precipítanse cando o veciño implicado no altercado con Ramiro Gestido presenta denuncia en xaneiro reclamando terreo que lle foi ocupado sen autorización, a denuncia que foi reiterada en marzo, non recibiu resposta a día de hoxe porque en palabras de Gestido na comisión do pasado día 28: se está estudiando por parte de la Alcaldía.
O señor Gestido ven de conseguir unha licenza express o pasado día 9 de abril, grazas a ser concelleiro do PP: En 2011 esta licenza foi denegada pola comisión de goberno ao non cadrar o proxecto coa obra real, agora, nunha tramitración express concedida en 15 días, e sen xirar visita de comprobación concedéselle a licenza ao tempo que o expediente disciplinario durme o sono dos xustos, engadiu Vilaboa.
Feitos gravisimos
Todos estes feitos demostran que o goberno do PP utiliza a admnistración pública ao seu favor. O concelleiro Gestido arreglou o seu mandato municipal: a súa vivenda queda legalizada directamente e de xeito express mentres moitos veciños de Marín teñen que esperar meses e anos.
A alcaldesa, como é habitual nela, en lugar de aclarar os feitos, púxose de lado do concelleiro e xulgou ao veciño, cando estes feitos debe aclaralos o xulgado de garda, afirmou o concelleiro do BNG.
Este goberno do PP pon a adminstración a servizo dos seus, pasando por riba das leis, ocultando as denuncias e poñendo en entredito a honorabilidade de quen se atreve a denunciar os feitos, e isto é gravísimo, finalizou Vilaboa.
Marín, 30 de abril de 2015