Os desprendementos poñen en perigo o paso dos peóns na senda de Bagüín
O orzamento de preto de 300.000 non contemplaba a consolidación dos terrapléns
As chuvias dos últimos días, tal e como era previsible, provocaron o desprendemento de grandes cachotes de pedra enriba da senda peonil de Bagüín.
Os desprendementos tiveron lugar na tarde do venres, en varios puntos e onde o terraplén é máis alto. Neste momento as pedras invaden parte da senda e todo o canal anexo que debería recoller a auga.
O perigo é evidente. As pedras caeron directamente sobre a senda e se nese momento houbera persoas circulando o accidente sería inevitable. A pesares disto, a única medida tomada dende o Concello foi a de colocar dos conos na zona, cando o aconsellable sería sinalizar adecuadamente advertindo do perigo ou incluso pechar o paso aos peóns en tanto non se consoliden os terrapléns, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
Obra rematada segundo o PP
Na última comisión informativa de Medio Ambiente, que extraordinariamente, presidiu o delegado de Urbanismo, o goberno do PP, afirmou que a obra estaba rematada e aberta ao público, mais recoñeceu a necesidade de consolidar os terrapléns:
Preguntámonos como se pode dar por rematada unha obra na hai perigo de desprendementos e taludes de máis de tres metros de altura, e como a Xunta pode aprobar un proxecto que non contemple a consolidación destes terrapléns nunha estrada de tráfico constante de vehículos e peóns.
Promesas incumpridas
A pesar de toda a propaganda que o PP leva feito arredor desta obra, o goberno local do PP incumprindo o aprobado no pleno por unanimidade e a petición dos veciños, instalou unha barreira de formigón a cambio de dar continuidade as beirarrúas de Mogor e non rebaixou os terrapléns o suficiente para evitar os desprendementos e, o que é peor, non os consolidou antes de abrir o paso ao público, indica a concelleira do BNG.
Reclamación do BNG
O grupo municipal do BNG de Marín, dirixirase directamente ao Departamento Territorial de Estradas da Xunta en Pontevedra para solicitar a consolidación urxente dos terrapléns na recta de Bagüín ademais de outras medidas que teñen que ver coa instalación dunha correcta sinalización horizontal e vertical e coa supresión de gardacarrís asasinos por outros con protección SPM, finaliza a portavoz do BNG.
Marín, 20 de setembro de 2014