O BNG insta ao goberno da Xunta a tomar medidas inmediatas no Parque de Castiñeiras
O mantemento da lagoa, a sinalización turística, o uso dos asadeiros, o coidado das árbores e a posta en valor do patrimonio e das rutas ambientais, entre as principais
Concelleiros do BNG de Marín e Vilaboa, xunto co deputado no Parlamento Galego, Daniel Rodas, déronse cita no Parque do Lago de Castiñeiras para denunciar o seu estado de abandono por parte da Xunta e anunciar as iniciativas presentadas a través do Parlamento instado ao Goberno Galego á conservación e dinamización do parque.
Estado de abandono sen precedentes
A Lagoa artificial de Castiñeiras e o seu entorno, actualmente baixo a xestión da Consellería de Medio Ambiente, constitúe un dos productos turísticos máis demandados de toda a comarca do Morrazo e a súa importancia transcende en moito á dun simple espazo de esparexemento.
A portavoz do BNG en Marín, Pilar Blanco afirmou que O estado actual do parque presenta unha degradación sen precedentes causada pola falta de xestión e mantemento por parte da Consellaría ao longo dos últimos anos.
O abandono non só se limita ao parque, tamén aos accesos competencia do Concello de Marín, que están sen rozar incumprindo a lei contra incendios, afirmou.
Responsabilidades políticas
A responsabilidade directa deste abandono correpóndelle ao goberno da Xunta e ao seu delegado Territorial, Cores Tourís, xunto cos mandatarios municipais, especialmente a alcaldesa de Marín, que actúa como cómplice desta situación en lugar de pedir explicacións aos seus colegas do PP na Xunta e na delegación de Pontevedra, afirmou o deputado nacionalista.
Parque biolóxico
No ano 2010, a Consellaría de Medio Rural, proxectou un parque biolóxico no espazo que antes ocupaba o cercado de cervos, co fin de facer un parque biolóxico dirixido á educación e formación ambiental para o uso de grupos organizados e público en xeral. A Xunta construiu novas casas de madeira como punto de información, obradoiros, e refuxio dos visitantes.
A realidade é que estas instalacións nunca se abrirón ao público. Hoxe en día os salgueiros e as silvas medran no recinto de xeito que case cubren á vista os paneis e as instalacións. Miles de euros investidos nunha obra inútil debido á incompetencia dos responsables políticos do goberno da Xunta do PP, sinalou Daniel Rodas.
Ruta das mámoas
A chamada Ruta das Mámoas foi un exemplo de colaboración sen precedentes entre os municipios de Moaña, Marín e Vilaboa, que se levou a cabo baixo a coordinación da Consellaría de Medio Rural xestionada polo BNG dende o goberno da Xunta de Galicia.
Supuxo a rehabilitación de 19 mámoas, e a construción dunha senda de máis de 7 quilómetros co obxectivo dar a coñecer a impoñente riqueza arqueolóxica e paisaxística desta parte do Morrazo a través do sendeirismo de Montaña.
O proxecto foi abandonado cando o PP accedeu ao goberno da Xunta no ano 2009 e aínda hoxe non foi instalada a sinalización turística que quedara pendente, lembrou a Tenente de Alcalde en Vilaboa Ornela Fernández.
Prohibición de usar os asadeiros
A portavoz marinense lembrou que o PP négase a que a xente poida utilizar os asadeiros, algo que lle resta atrativo ao parque por ser moi demandado polos escursionistas.
No ano 2009 acadamos un acordo unánime para solicitar da Consellería de Medio Ambiente que habilitase unha ou varias zonas onde poder asar, pero a medida non prosperou por decisión do delegado territorial da Xunta de Galiza, Cores Tourís, afirmou.
Medidas concretas
Ademais dunha batería de preguntas solicitando información sobre a dotación orzamentaria, persoal, ou previsións da Xunta sobre o Parque de Castiñeiras, os nacionalistas instan ao Goberno galego a levar a cabo medidas concretas para a conservación e dinamización do parque, a través dun documento de análise da problemática deste área, e os criterios de coordinación entre as diferentes administracións e colectivos sociais que teñen interes na zona. Entre as medidas destacan o mantemento da lagoa, a sinalización turística do Parque, a utilización das distintas zonas públicas (entre elas os asadeiros), o coidado das árbores e a posta en valor do patrimonio e das rutas medio-ambientais.
Marín, xullo de 2014