insta
UNKNOWN
foto web

O BNG insta ao goberno local a definirse sobre o uso que pretende para a Casa do Mar

O BNG reclama do goberno local unha definición sobre o uso que lle quere dar as instalacións do inmoble da Casa do Mar de Marín , e insta ao grupo do PP a que aclare o contido dos contactos que afirman ter mantido cos titulares do edificio.

A indefinición do PP

Alegrámonos de que o PP recupere o sentido común e estea dacordo co BNG en iniciar as xestións para que o inmoble pase a ser de uso municipal. Por suposto que o BNG non discute os prazos do proceso de transferencia. O que reclamamos do goberno local é que se defina co uso que pretende darlle a estas instalacións, porque entre os prazos e, o máis a grave indecisión do equipo de goberno do PP,  poderían facer disto un proceso interminable, do mesmo xeito que o é o tema da Aduana á que fan mención para albergar os servizos sociais.

Se é certo que levan tempo mantendo contactos cos titulares do edificio, o goberno local debería explicar o contido deses contactos, o contrario lévanos a preguntar que ocultan.

O BNG propuxo ante a cidadanía de Marín un uso desas instalacións de xeito transparente, participativo, atendendo as demandas dos nosos veciños e veciñas, e orientado as súas necesidades. Por contra, ou ben o grupo de goberno do PP non quere desvelar as verdadeiras intencións para este edificio ou, o que sería máis grave, gravitan polo concello faltos de ideas e entregados á unha insoportable improvisación.

Anterior acordo

Se no 2009 se acordou darlle un uso asistencial,  foi porque todos os partidos que o firmamos levábamos nos programas propostas claras neste sentido, e nos creímos (inocentes nos…) que tratarían de facer o prometido nos programas (tal e como trata de facer sempre o BNG) e que ningún goberno cometería a irresponsabilidade de deixar a actividade cívico-cultural de lado.  Pero ante a indiferenza que este goberno municipal mantén coas demandas da cidadanía dun centro para poder realizar este tipo de actividades, repetimos,  que tanto reclama a cidadanía en xeral e, de xeito moi particular, a xuventude (que recorre a outros concellos veciños para disfrutar do que non teñen no seu concello) o BNG non pode ignoralas.

Mais, por moito que solicitamos do PP que nos digan o uso que lle van dar, contéstannos como o fixo o seu anterior lider Aznar en tono Tex-Mex “Estamos trabajando en ello…” 

Temos  que lembrarlle á señora alcaldesa que foi ela quen prometeu dous Auditorios (un por cada proceso electoral), que poderían paliar algunha das carencias endémicas que padece o noso concello por un xeito de gobernar un tanto errático, moi dado a improvisación e totalmente falto de ideas, como se demostra no xeito de abordar a grande oportunidade que se lle presenta a este concello coa cesión de este edificio de privilexiada situación e superficies suficientes para atender estas demandas.

A proposta do BNG

A proposta do BNG pasa por non trasladar ningún dos servizos que actualmente funcionan no edificio, en todo caso melloralos.

Non hai mellor ubicación para a gardería que a que ten na actualidade, e o BNG está en contra de calquera intento de traslado da mesma.

Este servizo é totalmente compatible coa creación dun equipamento sociocultural de carácter público, que responda á demanda cidadá de equipamentos para o tecido asociativo e participativo de Marín. Un espazo polivalente, adaptado para distintos usos e para dar cabida a grupos e entidades, especialmente entre a poboación xuvenil.

Marín, 5 de novembro de 2016

Ler novas