O BNG solicita medidas de apoio ás persoas que están en situación de corentena.
Dende o BNG, vimos de presentar un escrito dirixido á alcaldesa de Marín María Ramallo e a concelleira de Benestar Social Marián Sanmartín, na que solicitamos que se poña en marcha os servizos precisos para ofrecer o apoio necesario en servizos tan esenciais como a alimentación, a farmacia, ou a recollida de documentación ás persoas que están en situación de corentena.
Dende o mes de setembro, o concello de Marín atópase en estado de alerta vermella como consecuencia do elevado número de casos activos do COVID.
Dende finais do mes de outubro, aplicáronse peches perimetrais e aumentáronse as medidas restritivas para frear os contaxios, pero o certo é que dende principios de novembro, a cifra non baixa de 90 casos activos e mais de 200 persoas en seguimento, o que supón mais de 300 persoas confinadas cumprindo corentena.
Dada a grave situación que se está vivindo no noso concello nestes últimos meses, dende o goberno municipal veñen apelando ao “sentidiño” e pedindo a veciñanza responsabilidade e cumprimento coas medidas de restrición deixando toda responsabilidade unicamente na cidadanía. Pero o certo é que as persoas que están na situación de ter que cumprir cunha corentena pode resultarlle realmente difícil, xa que se poden atopar con serios problemas para acceder a servizos de primeira necesidade como alimentación, farmacia ou realizar calquera trámite burocrático como pode ser a tramitación dun parte de baixa…como así nos trasladou unha familia de Marín que se atopa en fase de confinamento.
Dende a concellaría de Benestar Social, tan só prestan o servizo de recollida de lixo dúas veces por semana, o que resulta insuficiente xa que pode carrear problemas de insalubridade.
As persoas en situación de corentena teñen que contar co apoio externo de familiares ou amizades para cubrir necesidades básicas, pero isto non sempre resulta doado, xa que poden darse casos (como está acontecendo) de familias enteiras confinadas ou non poder contar co apoio de familiares debido ao peche perimetral.
Noutros concellos con moita menor incidencia en COVID, si contan con servizos de apoio para axudar ás persoas en situación de confinamento como é o achegamento da compra de supermercados, farmacia, trámites burocráticos ou entrega de material escolar.
Por todo isto e debido á grave situación que están vivindo moitas familias de Marín, solicitamos que dende a concellaría de Benestar Social se doten de medidas de apoio ás persoas que precisen cubrir os servizos básicos e esenciais durante o período de corentena.
En Marín, a 18 de Novembro do 2020.