As carencias do Centro de Saúde chegan ao Parlamento da man do BNG
As carencias e deficiencias do novo Centro de Saúde de Marín e os incumprimentos da Xunta de Galiza en materia sanitaria chegan ao Parlamento Galego da man do BNG.
As carencias e deficiencias do novo Centro de Saúde de Marín e os incumprimentos da Xunta de Galiza en materia sanitaria chegan ao Parlamento Galego da man do BNG. Mañá mércores debaterase sobre o Centro de Saúde de Marín na Comisión 5ª do Parlamento Galego.
A parlamentaria do BNG Montse Prado preguntará polas declaracións feitas desde a Xunta de Galiza nas que afirman que desbotan a instalación do prometido servizo de Radioloxía no Centro de Saúde de Marín.
Tamén se tratarán as numerosas deficiencias e carencias que presenta o Centro de Saúde de Marín, que xa leva un ano en funcionamento:
- Carencia de servizo de Farmacia.
- Falta de cobertura nas baixas de longa duración do persoal.
- Non hai servizo de 24 horas de ambulancia.
- Non existe monitor de desfibrilador no Centro de Saúde (si no PAC).
- Non existen caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes.
- Deficiencia asistencial no servizo de Matronas causado pola non substitución das baixas laborais.
- Malia a existencia do servizo de Fisioterapia, non hai creada ningunha praza de fisioterapeuta, polo que os/as traballadores/as son por contratos de acúmulos de tarefas, habendo na actualidade un fisioterapeuta cando por poboación Marín debe contar con dous.
- Falta de calefacción e auga quente durante varios días ao mes provocado polo retraso na reposición de pellets.
- Inundacións nalgunhas consultas...
Desde o BNG de Marín non podemos e non imos aceptar esta negativa xestión da sanidade pública en Marín nin os incumprimentos por parte da Xunta e non deixaremos de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as marinenses.