O BNG demanda medidas urxentes para paliar a falta de auga en varias parroquias
O BNG de Marín levará ao Pleno da Corporación Municipal, que terá lugar o vindeiro mércores 11 de outubro, unha moción por vía de urxencia para solicitar medidas urxentes de cara a solucionar o grave problema de falta de auga que están a padecer as parroquias de Piñeiro, San Xulián e Ardán.
Mais non deixa de resultar chamativo que sexan as parroquias onde existen minas de auga as que sufren esta problemática. Estas parroquias que hoxe se enfrontan a esta grave situación non dispoñen do servizo de abastecemento de auga municipal, polo que se sirven de pozos artesáns para que a auga chegue as súas casas.
A Escuela Naval Militar dispón de minas de auga na parte alta da parroquia de Santomé, apropiación cuestionada pola veciñanza no seu momento, para o abastecemento das súas instalacións, e á veciñanza quédanlle as migallas.
Recentemente rematouse a obra de abastecemento de auga de Pontevedra a Marín para a conexión do novo depósito de Pardavila e abastecemento á rede de auga xa existente, obra que supuxo un custo de case 4 millóns de euros, aínda que a día de hoxe non está en funcionamento. Cómpre salientar que esta obra foi para dar servizo a zonas que xa dipoñían del, mais non para as que continúan carecendo do mesmo.
A situación é de tal gravidade que temos constancia dalgunha familia que chegou aínda a deixar o seu lugar de residencia habitual ao carecer de auga na súa casa, un servizo elemental e básico para a vida cotiá de calquera persoa.
Por todo isto
SOLICITAMOS
1.- A elaboración dun estudo para levar auga ás parroquias que carecen deste servizo.
2.- Que os servizos municipais e da Xunta de Galiza tomen medidas urxentes para garantir a subministración de auga á veciñanza das parroquias de Piñeiro, San Xulián e Ardán.