Lucía Santos envía a Ramallo unha serie de propostas para afrontar o COVID-19
BNG Dende o Bloque Nacionalista Galego achegamos as seguintes propostas que facemos por responsabilidade co noso pobo, desde a convicción de que estamos no momento de sumar e de actuar con unidade, con lealdade e con altura de miras fronte á situación adversa e complexa que enfrontamos.
1. Proposta de comunicación.
. Actualizar e difundir por todos os medios que dispón o concello a información dos decretos aprobados, recomendacións, teléfonos de información e emerxencia, información sanitaria…
2. Propostas en Servizos Sociais
. Dotar de máis recursos á partida económica de axudas de emerxencia para atender as necesidades ás familias e persoas vulnerables afectadas polo impacto socioeconómico do Covid-19 e publicitar as medidas sociais que se estean levando a cabo por tódolos medios dispoñíbeis para o seu coñecemento.
. Solicitar apoio á Xunta e/ou subdelegación do Goberno Estatal para especial atención coidado e desinfección da residencia de persoas maiores xa que se trata de persoas de alto risco.
. Activar un teléfono de Atención Psicolóxica para os problemas, pola presión psicolóxica, que poidan xurdir vencellados ao confinamento provisional.
. Protocolo de actuación específico das forzas e corpos de seguranza tendo en conta este contexto específico contra a violencia machista e incidir na difusión do teléfono de axuda ás vítimas pola violencia de xénero.
3. Propostas en Servizos Municipais.
. Establecer un protocolo de actuación para a recollida do lixo, no caso de doentes positivos en illamento provisional nos seus domicilios así como estudar a posibilidade de prohibición para depositar voluminosos nos puntos de contedores durante o tempo de confinamento provisional. Incrementar a limpeza de contedores.
4. Propostas fiscais
. Flexibilizar e ou condonar, segundo o caso, o pagamento de taxas e alugueres de concesións en instalacións municipais como os postos da praza de abastos, mercado municipal...
. Establecer un Plan Fiscal Especial de aprazamento, condonación e ou fraccionamento de impostos e taxas municipais ás persoas en situación de vulnerabilidade socioeconómica polo Covid-19 especialmente autónomos, comerciantes que teñan pechado os negocios ou teñan unha redución cando menos do 50% da súa capacidade económica, estudando cada solicitude segundo os criterios establecidos no Plan Especial.
. Facer seguimento e control para evitar que, na actual situación, as empresas concesionarias ou beneficiarias de contratos co Concello de Marín procedan ao despedimento do seu cadro de persoal, e garantir a percepción íntegra dos seus salarios.
. Solicitar do Estado a utilización do superávit do concello e por tanto, superación do teito de gasto á hora de atender as necesidades sanitarias e socioeconómicas no actual contexto de crise.