O BNG solicita medidas de seguridade na rúa Méndez Núñez

Casa en Méndez Núñez
Unha das vivendas derrubadas recentemente

Lucía Santos afirma que "non é a primeira vez que desde o BNG se ten denunciado, en varias ocasións, a lamentábel situación do lugar e non por iso sentímonos ilusionados na solución política protagonizada pola Equipa de Goberno Municipal de Marín de falla de concienciación e conservación patrimonial"

O BNG solicita medidas de seguridade na rúa Méndez Núñez

Desde o ano 2017 se están realizando na rúa Méndez Núñez, entre os números 38 e 48, unha serie de derrubes “controlados” polo perigo que suscitaban as vivendas abandonadas.

Estas edificacións formaban parte no PXOM do Solo Urbano Non Consolidado SUNC P-4 “Colexio Inmaculada Concepción”, que polo incumprimento do prazo de execución implicou o cambio automático a sistema de Cooperación.

No mes de setembro do 2018 o actual Concelleiro de Urbanismo e Facenda declaraba publicamente que ese chan era “moi atractivo e con moito interese para o Concello”, e que non triunfar a iniciativa privada “desde o Concello faríase todo o posíbel para que o seu desenvolvemento saia adiante”.

Non é a primeira vez que desde o BNG se ten denunciado, en varias ocasións, a lamentábel situación do lugar e non por iso sentímonos ilusionados na solución política protagonizada pola Equipa de Goberno Municipal de Marín de falla de concienciación e conservación patrimonial: rematouse cos últimos vestixios de fábricas de conservas que aínda quedaban na nosa vila, ademais do derrube de varios tipos edificacións de valor patrimonial, histórico e etnográfico. Unha delas abrangueu a sede da Federación Obreira de Marín durante a II República Española.

Das dúas fachadas que aínda quedan en pé parcialmente amosaban unha riqueza en traballo de cantería dos anos 20 do século pasado. Todo isto ben recoñecido no propio PXOM na que observaba: “Parte encóntrase dentro do ámbito de protección dun ben catalogado, aspecto que se tivo en conta para o seu desenvolvemento. Así mesmo, atenderase ao disposto no art. 148 sobre o informe da Consellaría de Cultura e Turismo.”

O Concello de Marín en vez de velar polo patrimonio desentendeuse dos problemas para a súa protección. Un lugar que respecta a súa historia e cultura medra no interese turístico e o colócao nun lugar de respecto. O actual goberno municipal prefire mirar por outro lado, non sabemos se por incompetencia ou por outro tipo de intereses alleos a Marín.

Hoxe está todo case eliminado, mais cos problemas que aínda quedan non se pode botar balóns fora e metelo no tellado dos propios propietarios, o Concello ten que facer valer os intereses e seguridade das persoas, sobre todo o cumprimento da legalidade.

Para rematar, lembremos que no acordo co Concello de Marín realizado no 2017, o promotor do derrube ten que levantar un muro de peche, situado na aliñación marcada polo PXOM, urbanizando os terreos para a rúa Méndez Núñez co obxectivo de mellorar o aspecto e a seguridade vial, necesario por estar situado nun lugar céntrico e próximo a zonas de lecer.

Por todo isto, o BNG de Marín SOLICITA

  1. Que o Concello de Marín vele pola seguridade no lugar, e exixa as medidas pertinentes que eviten que os cascallos dos edificios non derrubados no 2019 podan provocar algún tipo de accidente.

  2. Que se proceda á retirada da liña de edificación, gañando espazo público para a cidadanía.

  3. Que se proceda de xeito inmediato a levantar un muro de peche no aliñamento oficial que mellore o aspecto da contorna.

 

O BNG solicita medidas de seguridade na rúa Méndez Núñez