O BNG do Morrazo chama a participar na xornada de protesta convocada pola CIG contra o confinamento de dereitos sociais e laborais
A fronte nacionalista expresa o seu apoio a todo o persoal de servizos esenciais e chama a garantir as medidas preventivas no sector do comercio-alimentación.
Demandan políticas efectivas que impidan que os custos desta crise sanitaria e social os paguen as clases traballadoras e populares.
O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar publicamente o seu apoio á xornada de protesta convocada pola CIG cunha cazolada para este venres día 10 ás 12h. Unha iniciativa que baixo o lema “Que non confinen os nosos dereitos” quere reclamar medidas efectivas para protexer as clases populares e traballadoras tanto fronte á emerxencia sanitaria do coronavirus, como en relación á crise social, laboral e produtiva en curso.
Desde BNG lembran que están a desenvolver unha intensa acción política, tanto a nivel galego, no Congreso en Madrid como desde os concellos, para reclamar políticas que impidan que os custos desta situación os paguen as traballadoras e os traballadores e, singularmente, os sectores máis vulnerábeis e empobrecidos.
“Chamamos a que as varandas (balcóns) expresen este venres con contundencia o reclamo de que se despregue unha verdadeira protección social, que se garanta o emprego e que se protexa a quen ten que seguir traballando en actividades esenciais”, explican.
Comercio alimentación
Desde a fronte nacionalista subliñan a situación que atravesan sectores como o comercio alimentación, e expresan o seu total recoñecemento e apoio ao seu persoal demandando medidas que garantan a seguridade no traballo e a máxima protección fronte ao contaxio.
Desta maneira, rexeitan que neste contexto de emerxencia as grandes empresas do sector estean inmersas nunha guerra comercial, que a Xunta do PP alenta liberalizando horarios, e que empurra ás empregadas e empregados a unha maior exposición ao virus sen contar cos medios de protección necesarios.
O Bloque fai súas as demandas da CIG a este respeito, como son a redución de horario comercial, o aumento do persoal, o control estrito do aforo, ou que se garantan equipos de protección para persoal e clientela. “Temos que coidar a quen coida, temos que protexer a quen nos protexe co seu traballo. É a nosa obriga”, enfatizan.