O BNG reitera o seu rexeitamento á ubicación do aparcadoiro no parque Eguren
Lucía Santos considera que a única medida do Plan de Mobilidade Urbana Sostible sen xustificación sólida é situar o aparcadoiro no Eguren e aposta por alternativas que non afecten á veciñanza
No pleno celebrado o pasado 10 de outubro debateuse a moción presentada polo PSOE sobre a municipalización do aparcadoiro no Parque Eguren, unha proposta que non contou co apoio do BNG. A portavoz municipal Lucía Santos aclarou que a postura do grupo non se debe á municipalización en si, senón á ubicación elixida para este proxecto.
Santos sinalou que o Parque Eguren, “situado nunha zona estratéxica no centro de Marín, rodeado de colexios, residencias e espazos de lecer, non é un lugar adecuado para construír un aparcadoiro”. A portavoz destacou que un proxecto destas características afectaría de maneira negativa á calidade de vida da veciñanza e ademais que “a construción deste aparcadoiro soterrado suporía, ademais, a perda temporal dun espazo fundamental de lecer para a cidadanía durante dous anos, e incrementaría os custos debido ás intervencións adicionais que se requirirían unha vez finalizada a obra".
O Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) de Marín recolle 45 propostas, incluíndo a localización do aparcadoiro no Eguren, pero é a única medida que non está claramente xustificada con argumentos de peso que fagan necesaria a súa situación nese lugar. Para o BNG, esta falta de xustificación reafirma a súa postura en favor de buscar alternativas máis axeitadas.
Lucía Santos destacou o compromiso do BNG coa mellora da mobilidade no concello e subliñou que desde hai tempo veñen propoñendo diferentes alternativas para facer fronte ao problema de aparcamento que está a vivir Marín. A formación considera que é fundamental atopar solucións que melloren a situación sen comprometer a calidade de vida da veciñanza.