O BNG leva a Pleno a proposta para garantir bonificacións fiscais ás persoas propietarias de vehículos históricos
Lucía Santos destacou que "esta modificación non só cumpre coa nova normativa, senón que tamén recoñece o valor patrimonial dos vehículos históricos, cuxos propietarios adoitan facer un uso esporádico destes, contribuíndo ao coidado e conservación do patrimonio automobilístico".
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín, a través da súa portavoz, Lucía Santos, presentará no pleno 10 de outubro unha moción para instar á modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM).
Segundo o Real Decreto 892/2024, publicado no Boletín Oficial do Estado o 18 de setembro de 2024, a lexislación referente aos vehículos históricos foi actualizada, simplificando os procedementos para a súa clasificación e ampliando o recoñecemento destes vehículos aos que teñan 30 anos ou máis. A entrada en vigor desta normativa o pasado 1 de outubro insta aos concellos a actualizar as súas ordenanzas fiscais para adaptarse a estes cambios.
A moción do BNG, que será debatida no pleno, propón que o artigo 4.1 da ordenanza municipal sexa modificado para incluír estas novas disposicións. Específicamente, a nova redacción establecerá que gozarán dunha bonificación do 100% da cota do IVTM todos os vehículos históricos, conforme ao establecido no Regulamento de Vehículos Históricos aprobado polo Real Decreto 892/2024.
Santos destacou que "esta modificación non só cumpre coa nova normativa, senón que tamén recoñece o valor patrimonial dos vehículos históricos, cuxos propietarios adoitan facer un uso esporádico destes, contribuíndo ao coidado e conservación do patrimonio automobilístico".
O BNG espera que o Concello de Marín aprobe esta modificación de maneira definitiva, garantindo así que os propietarios de vehículos históricos poidan beneficiarse da bonificación fiscal correspondente para o exercicio 2025.