O BNG desminte as afirmacións do PSOE en relación á xuntanza de Portavoces sobre aparcamento e mobilidade
A participación activa e a información son esenciais para unha crítica construtiva; opinar sen presenza nin coñecemento só fomenta a desinformación e non contribúe a resolver os problemas reais.
Desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) reafirmamos o noso compromiso coa transparencia e o traballo conxunto na busca de solucións para os problemas de mobilidade e aparcamento na nosa vila. Non obstante, resulta preocupante que o señor Manuel Pazos, sen ter asistido á xuntanza de portavoces celebrada o pasado 23 de setembro, faga afirmacións que non se corresponden coa realidade e que só contribúen a desinformar á veciñanza.
A xuntanza de portavoces, promovida polo Partido Popular, tiña como propósito abrir un diálogo sobre a situación do aparcamento e a mobilidade en Marín. Durante a reunión, propúxose abordar estas cuestións mediante encontros informais. Non obstante, desde o BNG, seguindo o consenso do Consello Local, insistimos en que este labor debía realizarse no marco das comisións formais xa existentes coma a de Tráfico ou a de Urbanismo e, se fora necesario, mediante a convocatoria de comisións extraordinarias específicas, garantindo así a transparencia e a participación de todos os grupos municipais. O Partido Popular comprometeuse a valorar esta proposta, aínda pendente de resposta formal. Ademais, desde o BNG subliñamos a importancia de rexistrar actas dos acordos alcanzados, precisamente para evitar malentendidos como os que agora se presentan.
Cremos que é fundamental que todos os grupos políticos se impliquen de forma activa e responsable nos procesos de toma de decisións que afectan á veciñanza. Non se pode cualificar de "paripé" un esforzo de colaboración sen asistir aos encontros e sen coñecer de primeira man os debates e propostas que se están poñendo sobre a mesa. Lamentamos profundamente que algúns representantes elixan non participar e, aínda así, critiquen sen fundamento.
O BNG seguirá apostando por un traballo construtivo, comprometido e aberto ao diálogo, coa vontade de sumar esforzos con todos aqueles que queiran contribuír ao desenvolvemento de Marín.