O BNG demanda pavimentos especiais para combater a contaminación acústica na Avda. de Ourense
Lucía Santos reclama que, no próximo asfaltado da Avenida de Ourense, se utilicen pavimentos fonorredutores que permitan minimizar o impacto acústico sobre a veciñanza
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín denuncia a grave situación de contaminación acústica que padecen as veciñas e veciños da Avenida de Ourense, no tramo da estrada PO-11 entre a Estribela e a Praza de España. A elevada densidade de tráfico neste vial provoca que os niveis de ruído superen os 75 decibelios nas edificacións situadas en primeira liña da estrada, mentres que as restantes vivendas da zona tamén sofren valores elevados, entre 55 e 65 decibelios, que comprometen a calidade de vida dos residentes.
A pesar de que se adoptou a medida de reducir a velocidade máxima permitida a 30 km/h, esta acción resulta claramente insuficiente para reducir de forma efectiva os niveis de ruído. Por iso, Lucía Santos reclama que, no próximo asfaltado da Avenida de Ourense, se utilicen pavimentos fonorredutores que permitan minimizar o impacto acústico sobre a veciñanza. Esta tecnoloxía avanzada, deseñada para absorber e reducir o ruído xerado polo tráfico, constitúe unha solución eficaz para mellorar as condicións ambientais das zonas residenciais afectadas.
Os pavimentos fonorredutores representan unha medida esencial para mitigar o ruído e son empregados con éxito noutras zonas urbanas con alta densidade de tráfico. A súa execución, combinada con outras medidas de xestión da mobilidade, pode garantir que Marín evolucione cara a un espazo urbano máis amable, no que se poña o benestar das persoas no centro das políticas públicas.
O BNG considera que o benestar da veciñanza debe ser unha prioridade para o goberno local. Así, demandamos que se valoren todas as opcións dispoñibles para reducir a contaminación acústica durante o próximo asfaltado da Avenida de Ourense, co obxectivo de demostrar un verdadeiro compromiso coa mellora da calidade de vida en Marín.