O BNG homenaxea a Rosalía de Castro reivindicando o caldo de gloria

O BNG de Marín organiza unha homenaxe o domingo 23 de febreiro para conmemorar o aniversario de Rosalía de Castro, cunha xornada de celebración, memoria e identidade que incluirá ás 18:30 un recital poético e unha ofrenda floral na Alameda Rosalía de Castro, seguido ás 19:15 pola degustación do tradicional "Caldo de Gloria" na Praza da Veiguiña
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín organiza unha homenaxe a Rosalía de Castro o vindeiro domingo 23 de febreiro, con motivo do aniversario do seu nacemento. O evento desenvolverase na Alameda Rosalía de Castro a partir das 18:30 horas e incluirá unha serie de actividades culturais para lembrar e por en valor a figura da escritora.
O acto iniciarase cunha ofrenda floral en memoria de Rosalía, seguida da lectura dalgúns dos seus poemas máis representativos. Ademais, a homenaxe contará coa actuación do grupo de pandeireteiras de A Veiguiña, que achegará a tradición musical galega ao evento.
Como parte fundamental desta celebración, os asistentes poderán degustar o tradicional "Caldo de Gloria", inspirado no poema homónimo de Rosalía de Castro. Este caldo, ademais de ser un recordo da vida sinxela e humilde que a escritora retratou na súa obra, simboliza a resistencia e dignidade do pobo galego. A degustación do "Caldo de Gloria" terá lugar na Praza da Veiguiña (sede do BNG) ás 19:15 horas. O BNG quere, con este acto, reforzar o compromiso coa cultura e identidade galega.
Desde o BNG fan un chamamento a toda a veciñanza para participar nesta homenaxe e render tributo a Rosalía de Castro, unha figura indispensable na nosa historia, que segue a ser un símbolo de loita, identidade e dignidade para Galiza.