O BNG convoca unha reunión coa veciñanza de Mogor

O BNG organizará un encontro coa veciñanza de Mogor este xoves, 20 de febreiro, ás 20:00 horas no local sociocultural da barriada, para escoitar as súas necesidades
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) manterá un encontro coa veciñanza de Mogor este xoves 20 de febreiro ás 20:00 horas no local sociocultural da barrida. O obxectivo desta reunión é coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas da contorna para trasladalas aos espazos de decisión municipal.
O BNG considera fundamental o contacto directo coa veciñanza para atopar solucións efectivas ás necesidades dos barrios e parroquias de Marín. O traballo político debe facerse con e para a xente, escoitando as súas demandas e loitando para que se atendan dende o Concello.
Durante o encontro, abordarase a situación dos servizos públicos, infraestruturas, seguridade viaria e outras preocupacións. O BNG reafirma o seu compromiso co diálogo e coa defensa dos intereses da cidadanía, apostando por un modelo de xestión transparente e participativo.
Dende o BNG animan a todas as persoas interesadas a asistir e achegar as súas propostas. Só cunha veciñanza activa e participativa conseguirase mellorar a calidade de vida en Mogor e no conxunto de Marín.