O BNG critica a aplicación de taxas pola dársena do cemiterio de chalanas

Lucía Santos Omil manifesta que "Non podemos permitir que a veciñanza pague por un espazo que sempre foi de uso público, mentres se exclúe do convenio de cesión sen explicacións claras e se abre a porta á súa posible explotación privada"
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a decisión da Autoridade Portuaria de impoñer unha taxa anual de 13.081,62 euros ao Concello de Marín pola cesión da dársena do Cemiterio de Chalanas. Esta medida, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado 13 de febreiro, incumpre o convenio de cesión de espazos vixente desde o ano 2000, que garante o uso público e gratuíto destes terreos sen que a Autoridade Portuaria poida percibir taxas.
A concesión foi aprobada no Consello de Administración da Autoridade Portuaria o 27 de xuño de 2024, contando co apoio da alcaldesa, María Ramallo do Partido Popular (PP), e do portavoz municipal do Partido Socialista de Galiza-PSOE (PSdeG), Manuel Pazos Lamoso. O BNG considera inaceptable que os representantes municipais avalasen unha decisión que supón unha nova carga económica para o Concello sen informar previamente á veciñanza.
Asemade, o BNG considera preocupante que os representantes municipais no Consello de Administración da Autoridade Portuaria non se decatasen da aplicación desta taxa ata que foi publicada no BOE. "Para que temos representantes municipais neste órgano se non están atentos ás decisións que afectan directamente ao noso pobo?" cuestiona a Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos Omil.
Ademais, a formación nacionalista lembra que o Concello de Marín renovou o pasado 10 de outubro de 2024 o convenio de cesión doutros espazos portuarios de uso público, como o Paseo da Avenida de Ourense, o Parque de Cantodarea ou o Paseo Alcalde Blanco. O BNG considera incomprensible que a dársena do Cemiterio de Chalanas quedase fóra deste acordo cando a Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante permite a cesión de terreos para a integración porto-cidade sen que isto implique o pagamento de taxas.
Outro dos puntos que xeran preocupación é a posibilidade de que a imposición desta taxa responda a plans de explotación económica da dársena. "Se a Autoridade Portuaria está a cobrar esta taxa, significa que prevé algún tipo de actividade privada neste espazo? Se fose así, por que non se lle explicou á cidadanía con claridade?" sinala Santos.
A concesión aprobada inclúe un investimento de 300.000 euros debido á falta de mantemento da dársena, o que eleva o custo total ata os 650.000 euros. O BNG considera que a veciñanza ten dereito a coñecer cal será o futuro deste espazo e se se está preparando o terreo para a súa cesión a unha empresa privada.
Ademais, durante a fase de alegacións, a resposta da Autoridade Portuaria foi ambigua, limitándose a indicar que “o obxecto da concesión definirase no título de outorgamento con toda a claridade e amplitude posible”, sen ofrecer garantías sobre a súa futura xestión.
Ante esta situación, o BNG insta o Concello de Marín a reclamar de inmediato a inclusión da dársena do Cemiterio de Chalanas no convenio de cesión de terreos, garantindo así o seu uso público e libre de taxas. Así mesmo, reclama total transparencia sobre os motivos que levaron á súa exclusión e esixe explicacións tanto ao goberno municipal como á Autoridade Portuaria.
"O Concello debe defender os intereses da veciñanza e evitar que Marín siga asumindo custos inxustos por espazos que xa lle pertencen. A xestión dos recursos públicos debe ser transparente e pensada para o ben común, non para concesións escuras nin para especulacións opacas", conclúe Santos Omil.