O BNG amosa o resultado do seu estudo en materia de mobilidade e aparcamento

O BNG demostra, fronte á inacción do PP, un traballo constante, serio e responsábel na procura de alternativas reais que permitan solucionar o grave problema de aparcamento que existe no noso concello.
O BNG sairá á rúa para explicarlle á veciñanza as numerosas propostas que ven facendo en materia de mobilidade e aparcamento, e que o PP ven rexeitando sistematicamente.
Os vindeiros días o Bloque Nacionalista Galego (BNG) repartirá dípticos informativos polas rúas de Marín para dar a coñecer as propostas presentadas durante a charla celebrada o pasado 7 de novembro do 2024 na Biblioteca Municipal, onde se analizaron solucións para a problemática da mobilidade e a falta de aparcamento, agravada polas obras do goberno do PP sen alternativas viables.
No díptico explícanse medidas propostas polo BNG para mellorar a mobilidade e ampliar o aparcamento público en Marín. Entre as accións destacan a creación dun servizo municipal de transporte público con microbuses ecolóxicos e novas rutas, paneis informativos en tempo real, e o estudo para construír un aparcadoiro en altura. Tamén se inclúen itinerarios peonís, camiños escolares seguros, prazas express para xestións rápidas, máis zonas de aparcamento gratuíto, convenios con supermercados durante eventos e a aposta pola mobilidade sostible.
O BNG subliña a necesidade de acometer estas melloras para paliar os efectos negativos das actuacións actuais do goberno local e para garantir unha mobilidade máis eficiente e respectuosa co medio ambiente. A formación nacionalista denuncia, ademais, a falta de compromiso do PP, que rexeitou no Parlamento galego as emendas presentadas polo BNG para incluír nos Orzamentos 2025 partidas destinadas aos estudos técnicos necesarios para poñer en marcha estas medidas.
"É imprescindible ofrecer solucións reais e sostibles para os problemas de mobilidade que afectan a Marín. Desde o BNG seguiremos traballando para construír unha vila máis accesible e pensada para as persoas", declarou o Grupo Municipal.
ALTERNATIVAS DO BNG MARÍN AOS PROBLEMAS DE APARCAMENTO E MOBILIDADE
Nos últimos anos, a falta de espazos de aparcamento público en Marín agravouse notablemente. As obras impulsadas polo goberno municipal do PP eliminaron numerosas prazas de aparcamento sen ofrecer alternativas viables, o que aumentou os problemas de mobilidade e accesibilidade.
Dende o BNG, convocamos o pasado 7 de novembro á veciñanza de Marín a participar nunha charla informativa na que compartimos e debatemos propostas para mellorar as opcións de aparcamento na vila. Estas medidas, analizadas con apoio técnico especializado, foron presentadas durante o encontro, buscando ofrecer solucións viables e adaptadas á realidade de Marín. A continuación, destacamos as principais propostas para optimizar a mobilidade e facer de Marín un lugar máis accesible e sostible.
CREACIÓN SERVIZO MUNICIPAL DE TRANSPORTE
A realización dun estudo en colaboración coa Xunta de Galiza para implantar un servizo concertado coa Dirección Xeral de Mobilidade, co obxectivo de que a veciñanza poida beneficiarse de descontos ou exencións nas tarxetas de transporte da Xunta.
Ademais, propoñemos a creación de dúas rutas municipais con microbuses adaptados e ecolóxicos, garantindo un servizo accesible e sostible para toda a poboación.
- L1 Circular (conexión entre os barrios do casco urbano) .
- L2 Conecta (conexión entre as parroquias e os núcleos urbanos de Marín e Seixo).
Outras medidas:
- Creación dunha nova ruta de autobús directa Marín (marquesiña) – Pontevedra (Praza Galicia).
- Establecemento dun servizo de Noitebús para a mocidade.
- Plan de mellora de frecuencias e reforzo de rutas, especialmente en horarios laborais, época estival, festas, e conexións clave, como as rutas ás praias durante o verán e ao campus universitario de Pontevedra en período lectivo.
- Mellora das conexións co CHOP Montecelo ante a próxima finalización das obras de ampliación.
- Instalación de paneis informativos con horarios e conexións en tempo real.
- 100% flota de autobuses adaptados a PMR.
- Revisión das 86 paradas actuais, para mellorar as súas localizacións e facilitar o acceso da veciñanza ás liñas de transporte.
CONSTRUCIÓN DUN APARCAMENTO EN ALTURA
Optar pola construción dun aparcadoiro en altura, con posible localización en República Arxentina ou Inferniño. Requiriría a adquisición dunha parcela axeitada para 350-400 prazas (planta baixa e primeira). O custo total sería notablemente inferior ao proxecto fallido de concesión no Parque Eguren.
Financiamento Público: Propoñemos buscar subvencións a través de programas como o Plan Extra Depo, +Provincia, Fondos Europeos, Xunta ou o Plan de Recuperación.
Entre outros exemplos:
- Torrelavega: 533 prazas, obra adxudicada en 09/2022 por 4,6 millóns de euros (orzamento actualizado a 12/2024: 4,93 millóns, custo por praza de 9.252 €). O 71,2% financiado por subvencións do goberno autonómico e o Ministerio de Transportes.
- Torrejón de Ardoz: 648 prazas, obra adxudicada en 01/2024 por 4,51 millóns de euros (orzamento actualizado a 12/2024: 4,62 millóns, custo por praza de 7.127 €). O 88,7% financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Outra opción sería a construción dun aparcadoiro no espazo dotacional identificado no PXOM na zona de A Dichosa, coa complexidade engadida de adquirir terreos, desenvolver o vial previsto e executar unha construción en terrazas pola dificultade da orografía.
Outras medidas:
- Estudo técnico do subsolo da Avenida de Ourense, Praza de España e parcela aparcamento en superficie no acceso ao Paseo Alcalde Blanco para analizar as características do terreo e a viabilidade dun aparcamento soterrado e dun túnel á altura da Alameda Rosalía de Castro, promovendo a mobilidade sostible na fachada marítima.
- Estudo de novos viais de conexión segundo o Plan de Urbanismo de Marín, en colaboración coa Xunta de Galicia.
- Limitación da estancia en aparcamentos disuasorios (máximo, 48 horas).
- Regularización dos contratos de aluguer de parcelas, garantindo uniformidade nas condicións económicas por zona e estudando prazos superiores a un ano.
- Identificación de novas localizacións para aparcadoiros disuasorios en zonas próximas a puntos tractores.
- Convenios con supermercados para dispoñer das súas prazas durante eventos en días festivos, con contratación de seguridade (194 prazas no centro de Marín)
- Zona Mares 2H: substitución dun número reducido de prazas 2h para aparcamento express (30´) na proximidade dos centros tractores administrativos.
- Facilitar a transformación de baixos comerciais en garaxes, eximindo o ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras).
- Promover itinerarios peonís e camiños escolares seguros.
TODAS AS EMENDAS DO BNG AOS ORZAMENTOS DA XUNTA 2025 LIGADAS AO CONCELLO DE MARÍN FORON REXEITADAS POLO PP.
O BNG presentou no Parlamento de Galicia emendas aos Orzamentos 2025 para incluír partidas destinadas ao estudo do transporte municipal, do subsolo na Avenida de Ourense, Praza de España e acceso ao Paseo Alcalde Antonio Blanco, así como para o desenvolvemento dos novos viais previstos no PXOM. O PP rexeitou todas as propostas amosando, unha vez máis, a súa falta de compromiso coa mellora da mobilidade e a resolución dos problemas de aparcamento en Marín.
NON AO APARCAMENTO NO PARQUE EGUREN.
A realidade do proxecto falido de aparcamento no Parque Eguren resúmese en:
- Sen estudos previos: Non se realizaron estudos para avaliar alternativas de ubicación nin para definir a tipoloxía de xestión máis adecuada (pública, concesión, etc.).
- Rexeitamento cidadán: Segundo o proceso de participación cidadá do PMUS 2022, case a metade dos consultados manifestaron a súa oposición ao proxecto.
- Ubicación inadecuada: O espazo proposto está rodeado de servizos sensibles, como centros escolares, un centro de día, unha residencia de maiores e unha escola infantil, situados na súa contorna inmediata.
- Capacidade reducida: O estudo de viabilidade de 2021 indicaba a necesidade de 355 prazas, pero problemas técnicos na parcela limitan a súa capacidade a 218 prazas en dúas plantas.
- Impacto e duración: As obras durarían dous anos, deixando inutilizada a parte superior do parque, eliminando a zona verde e requirindo unha re-urbanización completa ao finalizar as obras.
A previsión inicial de adxudicación da obra en xuño de 2021 era de 5,39 millóns de euros, sen incluír honorarios técnicos. Actualizado co incremento do IPC ata decembro de 2024, o orzamento ascendería a 6,28 millóns de euros, cun custe de 28.797 euros por praza. Este importe por praza multiplica por 3,11 veces o custe por praza do aparcamento en altura de Torrelavega e por 4,04 veces o de Torrejón de Ardoz.
A construción estaría teoricamente a cargo dunha empresa privada (ata agora sen interese por parte de ningunha) baixo un réxime de concesión por 40 anos, no que a empresa ingresaría o total das tarifas de aparcamento. Ademais, o Concello debería facer unha aportación anual de 73.500 euros, o que suporía 2,94 millóns de euros ao longo dos 40 anos, importe estimado sen actualizacións, segundo o estudo de xuño de 2021.
Diario de Pontevedra 17/12/2024