O BNG esixe claridade sobre a taxa e a xestión da dársena do antigo cemiterio de chalanas

Lucía Santos manifesta que “o problema non é só a taxa, senón a falta de xestión dun Concello que debería estar negociando activamente para evitar estes custos e garantir a recuperación dos espazos públicos sen penalizacións económicas”

O BNG esixe claridade sobre a taxa e a xestión da dársena do antigo cemiterio de chalanas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera fundamental que a alcaldesa, María Ramallo, ofreza unha explicación detallada sobre a aplicación dunha taxa pola cesión da dársena do antigo Cemiterio de Chalanas. O BNG cuestiona que este espazo estea suxeito a un canon cando outros espazos portuarios cedidos para uso público, como o Paseo Alcalde Blanco, o Parque Azul, a Praza de España ou o Centro Cultural, non están sometidos a este requisito.

A voceira do BNG, Lucía Santos, denuncia que tanto o PP como o PSOE non están actuando con claridade sobre esta cuestión e lembra que os marinenses María Ramallo, como representante do concello de Marín, e Manuel Pazos, como representante do Estado, forman parte do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, polo que teñen acceso ás ordes do día das reunións, previamente a súa celebración, ás actas das mesmas e a participar nas reunións.

O BNG xa manifestara con anterioridade a súa oposición a esta taxa e considera que o argumento do goberno local sobre unha suposta "desinformación" non se sostén. O BNG reitera que a Autoridade Portuaria aplica unha taxa cando o espazo cedido se utiliza para unha actividade privada, como é o caso do local hostaleiro do paseo marítimo. Con todo, o Concello non paga unha taxa polo uso doutros espazos de titularidade portuaria que foron cedidos para o goce público. Por que, entón, se debe pagar pola dársena?

O BNG cuestiona por que o goberno de María Ramallo non impulsa activamente a negociación para que todos estes espazos revertan á titularidade municipal, tal como se conseguiu noutras cidades galegas como Vigo, A Coruña ou Vilagarcía. A formación nacionalista considera que o Concello debe asumir un papel activo na defensa dos intereses da veciñanza e non limitarse a aceptar condicións que non favorecen ao interese xeral.

En resposta ás declaracións do Concello de Marín, o BNG insiste en que a prioridade debe ser a reversión dos terreos portuarios para a veciñanza, evitando custos adicionais para as arcas municipais. A Lei de Portos contempla o pago dun canon, pero iso non impide que se negocien condicións máis favorables. O Concello de Marín aceptou este canon sen explorar alternativas máis vantaxosas para o interese público.

Por outra banda, o BNG presentou unha alegación formal ante a Autoridade Portuaria na que manifestou diversas preocupacións sobre a viabilidade do proxecto de actuación na dársena do Paseo Alcalde Blanco. En concreto, destacou as dúbidas sobre a adaptación da lámina de auga para zona de baño, xa que a normativa actual prohibe este uso debido á proximidade á Escola Naval Militar e ao porto deportivo. Ademais, a formación nacionalista criticou a falta de mantemento da dársena e instou a que a Autoridade Portuaria a ceda en perfecto estado, sen que o Concello teña que asumir custes adicionais en limpeza e arranxo.

Lucía Santos lamenta que María Ramallo estea máis preocupada pola defensa dos intereses do porto e da Escola Naval Militar que pola defensa dos intereses da veciñanza, e considera que esta falta de iniciativa compromete a súa capacidade para exercer como alcaldesa. “O problema non é só a taxa, senón a falta de xestión dun Concello que debería estar negociando activamente para evitar estes custos e garantir a recuperación dos espazos públicos sen penalizacións económicas”, afirmou Santos.

Finalmente, o BNG seguirá traballando para que Marín recupere os seus espazos portuarios en condicións xustas e con total transparencia, defendendo unha xestión que beneficie á veciñanza sen imposicións inxustificadas.

O BNG esixe claridade sobre a taxa e a xestión da dársena do antigo cemiterio de chalanas