O BNG denuncia graves irregularidades na contratación de traballadores/as na Festa Corsaria
Lucía Santos afirma que durante os tres días de celebración da Festa Corsaria “un grupo de persoas estivo traballando en situación irregular, sen ningún tipo de contrato nin cobertura pola Seguridade Social.”
Santos manifesta que “persoas que forman parte da organización xuvenil Novas Xeracións do Partido Popular foron as encargadas de buscar as/os traballadoras/es para poñelos a disposición dunha empresa subcontratada polo Concello, encargada da organización e supervisión da Festa Corsaria, polo que o Partido Popular ten unha responsabilidade directa sobre estes feitos reprobables.”
O BNG ten constancia de graves irregularidades cometidas na contratación de traballadores/as durante a celebración da Festa Corsaria celebrada esta pasada fin de semana.
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, afirma que durante os tres días de celebración da Festa Corsaria “un grupo de persoas estivo traballando en situación irregular, sen ningún tipo de contrato nin cobertura pola Seguridade Social.”
A portavoz do BNG engade que “as actividades a realizar foron diversas, como a colocación de material do evento, a participación en desfiles ou a atención das atraccións, e percibiron o seu salario en efectivo e sen ningún tipo de contrato, xustificante de pago ou nómina.”
Santos manifesta que “segundo temos coñecemento, persoas que forman parte da organización xuvenil Novas Xeracións do Partido Popular foron as encargadas de buscar as/os traballadoras/es para poñelos a disposición dunha empresa subcontratada polo Concello, encargada da organización e supervisión da Festa Corsaria, polo que o Partido Popular ten unha responsabilidade directa sobre estes feitos reprobables.”
A portavoz do BNG pregúntase “en caso de percance ocasionado ou sufrido por un destes traballadores eventuais, en que situación se atoparía o Concello? E o/a traballador/a implicado/a?”
É por isto que a voceira do BNG solicita urxentemente explicacións á Alcaldesa de Marín, María Ramallo, e á Concelleira de Festas, Marián Sanmartín, por este mal proceder na xestión e organización da Festa Corsaria, e nos aclaren “quen se encargou da suposta contratación de persoal, por que non se contratou mediante contrato ás persoas traballadoras e de onde saen os cartos cos que se pagou en efectivo ás mesmas.”
Lucía Santos califica estes feitos como “moi graves, xa que unha administración como o Concello de Marín debe ser dilixente e exemplo de boas prácticas, ademais de levar a cabo con total e absoluta transparencia o proceso de contratación pública.”