O BNG solicita a posta en valor da Torre do Reloxo
Tino Iglesias solicita a “inclusión da Torre do Reloxo no Inventario de Bens do Concello de Marín”, así como “un estudo para o seu aproveitamento turístico, a valorar pola xerencia externa que se vai contratar para conducir o desenrolo turístico de Marín”
En 2025 terá lugar o centenario da última modificación importante da Torre do Reloxo, construída na década de 1840. Nesta modificación elevouse a torre, substituíuse a maquinaria do reloxo e procedeuse á colocación de nova campá.
No pasado pleno da Corporación municipal, que tivo lugar o pasado 10 de agosto, o concelleiro do BNG Tino Iglesias solicitou a “inclusión da Torre do Reloxo no Inventario de Bens do Concello de Marín”, así como “un estudo para o seu aproveitamento turístico, a valorar pola xerencia externa que se vai contratar para conducir o desenrolo turístico de Marín”, propoñendo varias medidas:
• Limpeza exterior e interior da torre, revisión de seguridade das escaleiras e substitución da porta metálica lateral de acceso por outra máis acorde á edificación.
• O reloxo ten actualmente un sistema electrónico para o seu funcionamento pero deberá restaurarse e evitar o deterioro da maquinaria orixinal instalada polo reputado artesán palentino de finais do século XIX e principios do XX, Moisés Díaz Santamaría propietario da empresa “Fábrica de relojes de torre y Fundición de Campanas Moisés Díez”. Este empresario colocou uns 650 reloxos como o existente en Marín en lugares tan emblemáticos como a Catedral de Zamora, a Torre do Reloj de Ponferrada, Catedral de Palencia, Tabacalera de Toledo ou no Mosteiro Benedictino de New Norcia en Australia.
• A campá ten tamén un importante valor ao ser fundida por Juan Ocampo Barreira de CAMPANAS OCAMPO (Arcos da Condesa), fundición con catrocentos anos de historia e que tamén realizaron as campás da Catedral da Almudena de Madrid ou os campanís da Catedral de Santiago de Compostela.
• Debería realizarse un panel informativo cos datos históricos da mesma e pensar en realizar en determinados días ou períodos do ano visitas organizadas ao interior da torre, engandindo un novo recurso histórico-turístico ao noso Concello.