O BNG pídelle ao PP que non distorsione o tema da contratación irregular de traballadores/as na Festa Corsaria

undefined
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG de Marín

Lucía Santos asegura que “contamos con nomes e apelidos de varias das persoas que realizaron traballos sen contrato durante o evento” e pídelle ao PP que investigue o caso e que “actúe con rigor e deixe de distorsionar”

 

O BNG pídelle ao PP que non distorsione o tema da contratación irregular de traballadores/as na Festa Corsaria

En resposta ás sorprendentes declaracións efectuadas polo goberno local do PP, a portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, insiste en que “durante a celebración da Festa Corsaria, a empresa contratada polo Concello de Marín para a súa organización e supervisión cometeu irregularidades, tendo ao seu cargo traballadoras/es sen ningún tipo de contrato” e pide ao goberno municipal que o investigue.

Lucía Santos asegura que ten “probas firmes, xa que contamos con nomes e apelidos de varias das persoas que realizaron traballos sen contrato durante o evento, quen se puxeron en contacto co BNG para trasladar a situación irregular na que desempeñaron diferentes tipos de traballos.”

Amais, Santos engade que dende que se fixo pública a noticia “estamos recibindo información de que esta práctica é habitual pola empresa subcontratada que acostuma a organizar eventos de todo tipo para o Concello durante os últimos anos, polo que non estamos ante un feito aillado.”

A portavoz do BNG pide ao PP que “actúe con rigor e deixe de distorsionar e que non empreguen ás asociacións para tratar de desviar a atención, xa que o BNG en ningún momento se referiu ás mesmas.”

Amais, Lucía Santos lembra que “en ningún momento valoramos o resultado da Festa Corsaria. O que estamos cuestionando é a contratación irregular de traballadores/as e o papel exercido por un membro da organización de Novas Xeracións-PP buscando persoal para traballar na festa sen ningún tipo de contrato nin cobertura de Seguridade Social.”

Lucía Santos insiste ao grupo de goberno que “non xogue a confundir e nos aclaren cal foi a empresa encargada da contratación do persoal, quen é a persoa responsable e como se realizaron os pagos e se hai xustificantes. Porque para poder presumir de traballo transparente, hai que demostralo.”

Santos insiste na pregunta de “que sucedería se ocurrise algún accidente no que estivera implicada unha persoa traballando na festa e sen ningún tipo de contrato?” E pídelle á sra. alcaldesa que “se centre no tema que denunciamos e nos aclare isto. O resto é intentar ocultar información, ou o que é o mesmo, actuar con falta de transparencia.”

Santos lembra que na nota emitida polo goberno municipal “xustifícase o gasto dun total de 8.849 euros mais até os 75.000 euros destinados á organización da festa, hai 66.151 euros que non sabemos como e onde foron gastados.”

Por outra banda, Lucía Santos amosa a súa “perplexidade ante a falta de respecto de María Ramallo cara a súa persoa” e recoméndalle que “se preocupe máis en como organiza os eventos o seu grupo de goberno e non en como fai o seu traballo o BNG.”

A portavoz do BNG afirma que “a labor da oposición é fiscalizar o traballo do grupo de goberno, por moito que lle moleste á sra. Ramallo, con educación e respecto, como ven caracterizando a actuación do BNG.”

Santos indica que “o BNG continúa traballando co mesmo bo talante que nos caracteriza” e lembra a María Ramallo que “o único que mundou é que o PP perdeu votos, e en consecuencia concelleiros/as, e o BNG aumentou considerablemente a representación, e o resultado é o estado de nerviosismo que ven manifestando o PP desde o comezo desta lexislatura.”

E lembra o talante construtivo do BNG ao afirmar que, “aínda estando en temporada estival, desde a constitución da nova corporación o 17 de xuño o BNG presentou numerosas propostas como a posta en valor da torre do reloxo, a revisión e actualización do inventario de bens e dereitos do noso concello, a petición dunha mellora da sanidade pública, seguridade viaria na estrada das praias, a mellora da accesibilidade nas liñas de autobús e nos colexios electorais, maior limpeza dos contedores, instalación de baños portátiles en eventos multitudinarios, instalación de sombras na zona de xogos de auga do paseo alcalde Blanco, petición dunha campaña de concienciación para reducir o consumo de auga en verán… Non se atopará na historia de Marín un grupo municipal con tanto traballo, construtivo e positivo, nos dous primeiros meses dunha lexislatura e en temporada estival.”

O BNG pídelle ao PP que non distorsione o tema da contratación irregular de traballadores/as na Festa Corsaria