O BNG presenta o programa electoral para as eleccións municipais do 28 de maio
A candidata á alcaldía, Lucía Santos, afirmou que “presentamos un programa para gobernar Marín, unha folla de ruta clara e concreta para facer de Marín un concello de vangarda”
Davinia Lojo: “O BNG ten o mellor proxecto e o mellor equipo, e traballamos para conformar Un Novo Marín Contigo”, que será o lema da campaña.
Tino Iglesias: “O BNG ten un proxecto, as ideas claras e a vontade de sumar” e ensalzou o modelo BNG de política municipal, que mellora a a vida das persoas, revitaliza os concellos e fai que a xente se sinta orgullosa de vivir na súa vila.”
O BNG presentou onte xoves nunha rolda de prensa o programa electoral co que concorrerá ás vindeiras eleccións do 28 de maio. A candidata á alcaldía, Lucía Santos, afirmou que “presentamos un programa para gobernar Marín, un programa que tras detectar os problemas que presenta o noso concello, presenta solucións a curto e medio prazo.”
Lucía Santos, destacou que “estamos tremendamente orgullosos e orgullosas do programa que hoxe presentamos publicamente. Este documento é o froito do traballo realizado durante moitos meses, froito de múltiples reunións con numerosas entidades sociais e do permanente contacto coa veciñanza de Marín.”
Santos afirma que “o proceso de escoita activa é algo que o BNG leva no seu ADN, mais que intensificamos co inicio da campaña Pensar Marín hai un ano e medio, cando iniciamos un proceso de debate colectivo coa cidadanía do noso concello para tratar de procurar as necesarias solucións aos importantes problemas que presenta na actualidade o noso concello, e que se manifestan de xeito gráfico na dramática perda de poboación.”
A voceira do BNG engade que “este programa é tamén o resultado de innumerábeis e longuísimas reunións de traballo, o resultado de centos de horas de traballo. Un programa que non é froito da improvisación, senón o resultado dun traballo serio, meticuloso e profesional.”
O BNG foi a primeira organización en presentar cabeza de lista hai case un ano. O BNG foi a primeira organización en presentar a candidatura completa. E o BNG é a primeira organización en presentar o programa electoral.
Santos afirma que “o BNG tómase moi en serio os procesos electorais, e amosa, sempre, un respecto absoluto pola veciñanza, polo que vimos traballando con moita seriedade para presentar unha candidatura e un programa á altura do que Marín precisa, e merece.”
É un programa aberto, mais con estas máis de 250 propostas “presentamos unha folla de ruta clara e concreta non só para amortiguar a preocupante tendencia na que se atopa o noso querido Marín, senón para facer de Marín un concello de vangarda, un exemplo do que se fale, e para moi ben, en moitos lugares alén dos nosos límites territoriais”, en palabras de Lucía Santos.
A continuación tomaron a palabra Tino Iglesias e Davinia Lojo, que explicaron a metodoloxía empregada para a elaboración do documento e os eixos principais do programa, baseado en 5 ideas forza: calidade de vida, dinamismo socioeconómico, conservación do patrimonio, Marín aberto ao mar e mocidade.
Davinia Lojo afirmou que “o BNG ten o mellor proxecto e o mellor equipo e traballamos para conformar Un Novo Marín Contigo”, que será o lema da campaña.
É un programa que conta con máis de 250 medidas, organizado en 6 apartados: Urbanismo Circular; Benestar Social; Emprego, Promoción Económica e Turismo; Administración local; Cultura, Patrimonio e Lingua; e Medio Natural.
Pola súa banda, Tino Iglesias manifestou que “o BNG ten un proxecto, as ideas claras e a vontade de sumar” e ensalzou o modelo BNG de política municipal, que mellora a a vida das persoas, revitaliza os concellos e fai que a xente se sinta orgullosa de vivir na súa vila.”
Para consultar o programa: Programa BNG Municipais 2023 (calameo.com)