O BNG aposta por un Marín aberto ao mar na visita do deputado Néstor Rego
Lucía Santos manifesta que “o BNG aposta por protexer e conservar o vello peirao, xa que forma parte da memoria do noso pobo” e comprometeuse a que, se o BNG acada a alcaldía, asinará “un convenio de colaboración co Museo do Mar.”
Néstor Rego declarou que presentará unha iniciativa no Congreso dos Deputados para que, mediante a negociación cos Ministerios de Defensa e de Transportes, “o pobo de Marín acade cesións de espazos na fachada costeira ou o uso compartido de certos lugares do Porto e da Escola Naval Militar, do mesmo xeito que se fixo noutras vilas e cidades.”
O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, visitou esta sábado Marín acompañado pola candidata á alcaldía Lucía Santos e por máis dunha ducia de integrantes da candidatura do BNG nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
A visita estivo enfocada na necesaria aposta do BNG por abrir Marín ao mar, polo que a comitiva achegouse ao vello peirao, percorreu un pequeño tramo do valado do porto e rematou no Museo do Mar de Marín.
No vello peirao, último testemuño do Marín mariñeiro, e onde o PP ten previsto realizar unha piscina de auga salgada, Santos explicoulle a Rego o proxecto popular e a alternativa que presenta o BNG: “o BNG aposta por protexer e conservar o vello peirao, xa que forma parte da memoria do noso pobo” e lembrou a proposta do BNG de establecer a piscina de auga salgada “no tramo do Paseo Alcalde Blanco entre a zona de atraque dos barcos de pasaxeiros da ría e o mirador do final do paseo.”
Pola súa banda, Néstor Rego amosou a súa “sorpresa” polo peche da nosa vila ao mar, con 3 km de valado que limita sobremaneira a relación da veciñanza co mar, e con que o pouco acceso ao mar que ten a poboación de Marín sexa a través dun gran aparcadoiro, coa incomodidade e o risco que iso supón.
Asimesmo, o deputado do BNG en Madrid afirmou non comprender como se pode levantar un muro de contedores diante dun lugar neurálxico da vila, como é a alameda Rosalía de Castro. Lucía Santos demandará “a redución da altura de almacenamento de contedores, polo importante impacto visual que xeran.”
Néstor Rego declarou que, en liña coas demandas do BNG de Marín, presentará unha iniciativa no Congreso dos Deputados para que, mediante a negociación cos Ministerios de Defensa e de Transportes, “o pobo de Marín acade cesións de espazos na fachada costeira ou o uso compartido de certos lugares do Porto e da Escola Naval Militar, do mesmo xeito que se fixo noutras vilas e cidades.”
Posteriormente, dirixíronse ao Museo do Mar de Marín, onde foron recibidos polo presidente José Antonio Pérez Santiago e varios membros da Xunta Directiva. Alí, Lucía Santos criticou a nula colaboración do goberno local do PP con esta entidade e comprometeuse a que, se o BNG acada a alcaldía, asinará “un convenio de colaboración co Museo para facilitar o seu mantemento e garantir a viabilidade do proxecto, unha axeitada promoción desde o Concello e a dotación dun espazo apropiado e estábel, xa que este Museo ten que ser un dos buques insignias de Marín.”