O BNG presenta o programa das eleccións municipais nunha versión de lectura fácil
A candidata á alcaldía do BNG, Lucía Santos, destaca que “o BNG presenta unha versión fácil de entender destinada ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e outras persoas con dificultades de comprensión”
Lucía Santos salienta que o BNG é “a primeira formación política da historia de Marín en presentar o programa electoral nunha versión de fácil comprensión.”
O pasado xoves 4 de maio, o BNG de Marín presentou publicamente o seu programa electoral para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.
A candidata á alcaldía de Marín do BNG, Lucía Santos, afirma que “o BNG presenta un programa para gobernar Marín, froito dun profundo traballo de análise e debate, unha folla de ruta clara e concreta para poñer en marcha a necesaria transformación que Marín precisa, e merece.”
Na presentación do programa os candidatos Davinia Lojo e Tino Iglesias adiantaron que o BNG de Marín presentaría nestas eleccións municipais o programa nunha versión de lectura fácil.
Lucía Santos salienta que “o BNG volta levar a dianteira noutro tema de sumo interese, convertíndose na primeira formación política da historia de Marín en presentar o programa electoral nunha versión de fácil comprensión.”
Santos destaca que “o BNG presenta unha versión fácil de entender destinada ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e outras persoas con dificultades de comprensión.”
A voceira do BNG de Marín manifesta que “a intención do BNG non é outra que a de facilitar e promover a participación no proceso electoral de todas as persoas, sen exclusións. As forzas políticas temos que dar exemplo e dar pasos cara á plena inclusión de todas as persoas en todos os ámbitos sociais.”
Pola súa banda, o candidato Tino Iglesias lembra que o programa de lectura fácil foi “unha teima persoal de Lucía Santos”, unha proposta que “por suposto atopou o total apoio de todas as persoas que formamos parte desta candidatura”.
Tino lembrou que “Lucía ten un familiar moi achegado con discapacidade intelectual, polo que é perfectamente consciente das necesidades deste colectivo.”
Para consultar o programa electoral do BNG de Marín en versión de lectura fácil, preme na seguinte ligazón: Programa Municipais 2023 Lectura Fácil (calameo.com)