O BNG manifesta a plena sintonía coas demandas de ACEMAS para mellorar e dinamizar Seixo
A candidata á alcaldía do BNG de Marín, Lucía Santos, afirma que existe unha “plena sintonía entre as demandas de ACEMAS e a análise do BNG en relación ás carencias e necesidades de Seixo”
Santos valora “moi positivamente o interese da asociación de comerciantes por mellorar a vida das persoas que viven en Seixo e arredores.”
Con motivo da celebración das eleccións municipais o vindeiro 28 de maio, a Asociación de Comerciantes Marín Sur, ACEMAS, trasladou ao BNG o documento “Peticións de ACEMAS para mellorar e dinamizar Seixo e arredores”, no que recollen unha serie de iniciativas para a dinamización do comercio local, a seguridade viaria, a limpeza das rúas ou a dotación de instalacións deportivas e de ocio, entre outras.
A candidata á alcaldía do BNG de Marín, Lucía Santos, manifesta “o agradecemento do BNG pola entrega do documento” e valora “moi positivamente o interese da asociación de comerciantes por mellorar a vida das persoas que viven en Seixo e arredores.”
Lucía Santos indica que “unha vez analizado o documento e cotexado o seu contido co programa electoral do BNG para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, a práctica totalidade das demandas de ACEMAS figuran recollidas no noso programa electoral.”
Santos afirma que existe unha “plena sintonía entre as demandas de ACEMAS e a análise do BNG en relación ás carencias e necesidades de Seixo”, e así lle foi trasladado nos pasados días á asociación de comerciantes.
A voceira do BNG de Marín, Lucía Santos, manifesta que “a parroquia de Seixo é o segundo núcleo urbán do noso concello, que presenta importantes carencias e necesidades que é preciso atender”, e critica que “o PP non foi quen de abordar en 12 anos de mandato.”
Lucía Santos remata agradecendo “as propostas presentadas por ACEMAS para mellorar a parroquia e facer de Seixo un mellor lugar para vivir.”