O BNG impulsa un conxunto de actuacións para mudar o modelo de mobilidade

37922112_1459311640881066_6171747607828758528_n

A iniciativa procura facerlle fronte ás elevadas cifras de sinistralidade e de vítimas nas estradas.

O BNG impulsa un conxunto de actuacións para mudar o modelo de mobilidade

O Pleno da Corporación Municipal do 15 de outubro do 2012 aprobaba unha modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico do Concello de Marín, pese a estes cambios a debandita Ordenanza non contemplaba os límites de velocidade nas vías de titularidade pública municipal.

O BNG demostrou nos últimos anos, en varias ocacións, a súa preocupación pola alta taxa de accidentes de tráfico que acontece no Concello de Marín. Así en outubro do 2014, presentouse unha moción na que se propoñían seis medidas para mellorar a seguridade viaria. Daquela o BNG solicitara un informe policial no que se constataba o importante número de accidentes de tráfico existente. En decembro dese ano o Pleno aproba a proposta, cuns cambios aportados por todos os grupos presentes, nas que por unanimidade quedou reflexado a importancia de mellorar a situación circulatoria: reposición da sinalización horizontal no termo municipal (facendo fincapé nos cruces), a instalación de limitadores de velocidade nas principais rúas de Marín, repintado nos pasos de peóns da zona urbanas, instalacións de pasos elevados nas entradas dos colexios do casco urbano, a confección dun estudo de seguridade viaria do concello co obxectivo de rebaixar a sinestralidade viaria e a creación de “Zonas 30”, así como solicitar das outras administacións públicas (Estado, Xunta e Deputación) a mellora dos viais das súas competencias no territorio municipal.

Non imos negar que nos últimos anos se levaron a cabo algunhas melloras grazas á aprobación da nosa proposta (actuacións do Goberno Bipartito da Deputación de Pontevedra con lombos de reducción de velocidade, sendas peonís, etc), mais cómpre analizar de vez en cando como está a situación da circulación vial, as causas dos accidentes de tráfico que se producen e tomar as medidas pertinentes para protexer a seguridade da veciñanza e dos propios conductores. Mais observamos pasividade e inacción con esta problemática por parte do actual Goberno Municipal.

Aínda que consideramos que os concellos teñen as súas propias características e hai que actuar segundo esas circunstancias, o BNG aposta para Marín por un modelo moi claro semellante ao aplicado polo actual Goberno Municipal de Pontevedra, mais respectando a nosa propia idiosincrasia local. O noso modelo de transformación urbana tanto da vila de Marín como de Seixo ten como prioridade a redución dos riscos derivados do tráfico e chegar ás cifras de mortos/as que ten Pontevedra, é dicir cero falecidos/as nos últimos anos, nun concello que ten tres veces máis poboación que Marín ademais dun territorio de maior tamaño.

O noso proxecto de Marín aposta por unha vila harmónica, cohesionada e visíbel onde a circulación viaria é un pear importante e para nós Pontevedra é todo un exemplo como así o ten recoñecido os seus numerosos premios internacionais. Apostamos polo “Ensanche” de Marín, facendo do centro urbano un lugar fundamental para os peóns, desenvolvendo un transporte urbano e interurbano sustentábel, así como potenciando a colaboración co Concello de Pontevedra pois non podemos obviar as nosas relacións sociais e económicas. Con isto melloramos a calidade de vida da veciñanza, sendo ademais medidas importantes para combatir a perda de poboación que estamos padecendo na actualidade.

Apostamos pola realización dun Plan Municipal Viaria que teña como obxectivo a eliminación do tráfico rodado na meirande parte da vila de Marín e Seixo, apostando por un tráfico calmado e seguro (cunha velocidade máxima de 30 quilómetros/hora e de 20 qm/h nas zonas de coexistencia), así como prazas e rúas libres de coches adicados a outros usos, fomentando o uso da bicicleta e os desprazamentos a pé. Ademais de fomentar o exercicio físico que sería moi beneficioso para o comercio local.

Este Plan ou Modelo de Mobilidade e Seguranza Viaria de Marín ten que combatir ese deseño en función da primacía do automóbil sobre a outras formas de mobilidade, así como os custes elevados en termos humanos, económicos e sociais dos accidentes de tráfico. Para isto o BNG propón un modelo para Marín acorde co seu proxecto baseado en

  • Cambio na xerarquía de prioridades, primando as formas de mobilidade máis vulnerábeis (e tamén máis saudábeis): 1º peonil; 2ª ciclista; 3ª transporte público; 4ª vehículo privado.

  • Priorizar os investimentos en conservación da rede viaria actual e na mellora da seguranza viaria, incluindo medidas de pacificación e calmado de tráfico.

  • Mellorar a accesibilidade nas beirarrúas e beiravías (pensando nas persoas con diferentes discapacidades).

  • Potenciar as formas de mobilidade amábel e sustentábel, principalmente a mobilidade peonil e ciclista.

Por todo isto, o BNG SOLICITA:

O Pleno do Concello de Marín ACORDA impulsar un conxunto de actuacións para cambiar o modelo de mobilidade e facerlle fronte ás elevadas cifras de sinistralidade e de vítimas nas estradas, mediante a convocatoria dunha reunión extraordinaria da Comisión de Tráfico, Policia Local e Mobilidade co fin de:

  1. Analizar as actuacións realizadas na proposta do BNG aprobada no 2014.

  2. A realización dun estudo pormenorizado sobre o tráfico viario nos colexios de Marín, así como melloras nas zonas e arredores de acceso e saída dos raparigos/as dos centros escolares.

  3. Configuración dun Modelo Municipal de Circulación Viaria de Marín na que:

    * Se priorice as necesidades dos sectores máis vulnerábeis: 1º peón, 2º ciclista, 3º transporte público, 4º vehículo privado.

    * Se potencie unha boa conservación do patrimonio viario con rozas e limpeza de cunetas, mellora do firme, sinalización, balizamento e iluminación.

    * Os proxectos de actuación en tramos de concentración de accidentes sexán prioritarios.

    * Se fomente as reducións de velocidade mediante sinalización e medidas de calmado do tráfico.

    * Nos proxectos de (re)urbanización se creará un espazo peonil continuo de seguridade con beirarrúas de rasantes continuas, un longo mínimo de 2,50 metros e criterios de accesibilidade universal.

    * Velocidade máxima de 30 Quilómetros en todos o viais da vila de Marín.

O BNG impulsa un conxunto de actuacións para mudar o modelo de mobilidade