O BNG denuncia o peche de consultas médicas en horario de tarde no centro de saúde de Marín

277522281_333429122154230_4924183364707717543_n~2

Lucía Santos insta á alcaldesa María Ramallo a “demandar da Consellaría de Sanidade a dotación do persoal sanitario necesario para garantir unha atención sanitaria de calidade nos centros de saúde de Marín e Seixo.”

O BNG denuncia o peche de consultas médicas en horario de tarde no centro de saúde de Marín

A partires deste venres 1 de xullo, o Centro de Saúde de Marín experimentará un novo recorte no seu funcionamento, xa que debido á falta de persoal facultativo non haberá consultas médicas en horario de tarde nos meses de verán.

A esta situación hai que engadir que nos últimos días o Punto de Atención Continuada (PAC) tivo que ser atendido por persoal médico de Bueu, deixando a este concello sen servizo de urxencias e obrigando á veciñanza de Bueu a ter que asistir a Marín en caso dunha urxencia médica.

A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos denuncia que “o Centro de Saúde de Marín vén padecendo problemas na atención sanitaria prestada, consecuencia da política de recortes e privatización que leva aplicando o goberno da Xunta durante os últimos 13 anos.”

O persoal sanitario resulta insuficiente dende hai tempo, traballando en precario, provocando listas de espera de semanas, liñas telefónicas saturadas, persoas con doenzas crónicas que non están recibindo unha boa atención, demoras nas revisións de pediatría ou lista de espera de até varios meses para consulta de dentista ou fisioterapia, polo que esta nova medida virá empeorar considerabelmente o servizo de atención primaria do noso concello.

O concello de Marín conta cunha poboación de arredor de 24.000 habitantes, que se ve incrementada durante os meses de verán, polo que resulta imprescindíbel un servizo de atención primaria que ofreza uns servizos óptimos e en condicións.

É por isto que Lucía Santos insta á alcaldesa María Ramallo a “demandar da Consellaría de Sanidade a dotación do persoal sanitario necesario para garantir unha atención sanitaria de calidade nos centros de saúde de Marín e Seixo.”

Segundo a portavoz municipal do BNG “a precaria situación da atención primaria é o resultado da política do PP, que está a desmantelar a sanidade pública para beneficiar á privada, primeiro co goberno de Feijoo e agora co goberno de Rueda, que pretenden acabar normalizando este tipo de anomalías no servizo sanitario.”

Lucía Santos lembra que “lamentabelmente Marín non é un caso aillado. Bueu, Moaña, Cangas, Sanxenxo, Lalín e moitos máis concellos galegos levan padecendo o desmantelamento premeditado da sanidade pública, que se acentúa moito máis nos meses de verán co peche de consultas e a eliminación de servizos por falta de persoal médico.”

E engade que “María Ramallo é cómplice deste desmantelamento, antepoñendo sempre os intereses do seu partido ante a defensa dos intereses da veciñanza de Marín, negando a situación de colapso que está padecendo a atención primaria.”

O PP foi reducindo ano tras ano na partida orzamentaria destinada a sanidade, polo que segundo datos da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, Galiza é a terceira comunidade autónoma con menor gasto en Atención Primaria. Despois de Madrid e Baleares somos a comunidade co menor orzamento por habitante, e a Federación chega a calificar esta situación de intrafinanciación de “gravísima”.

Por todo isto, o BNG continúa reclamando ao goberno local do PP que esixa ao goberno galego unha sanidade pública digna para a veciñanza de Marín, que deixe de aplicar recortes e que dote á atención primaria de persoal e dos medios materiais precisos para atender correctamente e garantir todos os dereitos da veciñanza de Marín.

 

O BNG denuncia o peche de consultas médicas en horario de tarde no centro de saúde de Marín