O BNG propón a creación de parques caninos en Marín

Parque canino

Lucía Santos propón a creación dun primeiro parque canino nos terreos do INVIED na urbanización Virxe do Carme e afirma que “esta proposta interesa tanto aos donos de mascotas, como a quen non lles gustan, e favorecería a convivencia e o respecto entre todos e todas”.

O BNG propón a creación de parques caninos en Marín

O BNG de Marín ven de presentar unha moción, para o seu debate no vindeiro Pleno da Corporación municipal, para a creación de parques caninos no noso concello.

Os problemas ocasionados nas cidades polos animais de compañía e mascotas, que na súa maioría son cans, teñen hoxe en día unha doada solución se a concienciación dos seus donos, así como o do resto dos cidadáns e tamén das administracións, permite artellar os mecanismos para que a convivencia e o respecto entre todas as partes sexa posíbel.

A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, afirma que “no BNG somos conscientes que a veciñanza queixase que os excrementos destes animais poidan estar por todas partes, e que moita xente non desexa estar en contacto con estas mascotas.” Por outra banda, “os donos destes cans son cada día máis responsábeis cos seus animais, ocupándose de que se cumpra toda a normativa municipal, tanto documental como de convivencia co resto da cidadanía, e tampouco desexan molestar a ninguén cos seus cans.”

Lucía Santos manifesta que “unha parte da solución sería a creación dunha serie de Parques Caninos, como existen en moitas vilas e cidades, para que os donos das mascotas leven alí os seus cans, e que sexa o único sitio onde estes animais poidan estar soltos e poder ter unha área de esparcemento adicado en exclusiva aos animais e os seus donos, impedindo así que estean nos parques de xeito incontrolado, e sen perturbar ao resto da cidadanía.”

Santos expón que “esta proposta interesa tanto aos donos de mascotas, como a quen non lles gustan, e polo tanto favorecería a convivencia e o respecto entre todos e todas”.

A portavoz do BNG propón a creación dun parque canino nos terreos do INVIED na urbanización Virxe do Carme que se atopan a carón da pista deportiva, pois considera que “é a zona máis propicia do noso concello para a instalación desta área, xa que polas súas dimensións é factíbel acoutar un espazo suficientemente amplo”. Para isto compriría iniciar negociacións coa mencionada institución para a cesión de tal espazo ao Concello de Marín.

Lucía Santos salienta que “os espazos caninos son instalacións sinxelas e económicas tanto na súa construción como no seu mantemento, que contribúen tamén a manter a limpeza das nosas rúas e espazos públicos.”

De tal maneira que isto debería ser un primeiro paso para habilitar máis áreas noutras zonas verdes do noso concello, polo que Santos propón “a realización dun estudo técnico en relación aos espazos públicos que poderían destinarse á creación de parques caninos.”

E por último, solicita “a creación dos parques caninos necesarios segundo o censo de mascotas inscritas no municipio, coas características técnicas necesarias, segundo as necesidades das mesmas.”

O BNG propón a creación de parques caninos en Marín