O BNG solicita maior limpeza da rúa da Roda
Lucía Santos considera que o grupo de goberno do PP non está facendo o seu traballo e solicita “unha maior limpeza en xeral das rúas do noso concello, e en particular da rúa da Roda, xa que perxudica en gran medida a actividade económica dos comerciantes da zona, está a causar problemas á veciñanza que vive na rúa e dá unha imaxe moi negativa da nosa vila.”
A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, ven de solicitar ao goberno local unha maior atención, limpeza e coidado da rúa da Roda, unha rúa moi céntrica da vila de Marín que desemboca na alameda Rosalía de Castro, un punto neurálxico do casco urbano.
Mais, especialmente o tramo que conecta coa alameda, presenta desde hai moito tempo un aspecto moi descoidado, con moita suciedade, excrementos, e a presenza de ratas, pombas mortas na rúa ou nas redes colocadas no edificio Baladrón, e infinidade de moscas.
Lucía Santos achegouse a rúa da Roda para falar cos comerciantes e hostaleiros da zona, que manifestan que a situación é insosteníbel e afirman que as queixas sobre o estado da rúa foron trasladadas en repetidas ocasións ao goberno local, quen no mellor dos casos procede a ordenar a súa limpeza, mais ás poucas horas a rúa está sucia novamente.
Os comerciantes e hostaleiros laianse de que, ante o estado de abandono e suciedade da rúa da Roda, moita xente evita pasar por ela, o que perxudica os seus negocios. Un hostaleiro ven de pechar o seu establecemento estes días, motivado en gran medida polas condicións nas que se atopa a rúa, que lle estaban a dificultar dun xeito moi importante o desempeño da súa actividade profesional, e afirma que non será o último.
A portavoz do BNG manifesta que “esta situación non é admisíbel en ningunha rúa do noso concello, mais que unha rúa tan céntrica presente este aspecto non é de recibo. Calquera que pasee polas rúas céntricas de Marín pode ver a mala imaxe da rúa Méndez Núñez, onde tamén abundan a suciedade e as ratas, ou o desolador aspecto da rúa Real, unha rúa sen vida con multitude de locais pechados e sen actividade.”
É por isto que Lucía Santos considera que o grupo de goberno do PP non está facendo o seu traballo e solicita “unha maior limpeza en xeral das rúas do noso concello, e en particular da rúa da Roda, xa que perxudica en gran medida a actividade económica dos comerciantes da zona, está a causar problemas á veciñanza que vive na rúa e dá unha imaxe moi negativa da nosa vila.”
Santos lembra que “a problemática nesta rúa procede principalmente do estado de abandono no que se atopa o edificio Baladrón, polo que máis que proceder a unha limpeza puntual cómpre actuar no foco do problema de cara a evitar a repetición continua da situación.”