O BNG propón incrementar o apoio ao comercio local
Lucía Santos manifesta que “resulta de vital importancia implementar medidas para incentivar o consumo de produtos locais e un maior apoio ao comercio de proximidade de cara a impulsar a economía da nosa vila.”
Entre outras medidas, Santos propón “duplicar a partida orzamentaria destinada ao comercio local.”
O BNG ven de presentar, para o seu debate no vindeiro pleno municipal que se celebrará este xoves 14 de xullo, unha nova moción solicitando ao goberno municipal un maior apoio ao comercio local.
O comercio local é un sector básico da nosa economía, crea emprego, xenera riqueza e aporta dinamismo e vitalidade ás vilas. O comercio local paga os seus impostos na localidade, que reverten nas arcas municipais, polo que resulta imprescindíbel a defensa deste sector como motor económico da nosa vila.
O comercio local ten que facer fronte a importantes desafíos, como son a competencia das grandes superficies e o aumento das compras por internet, que dificultan, e moito, a súa supervivencia. Esta problemática non é exclusiva de Marín, por suposto, mais a realidade é que no noso concello o comercio de proximidade está padecendo unha situación moito peor que outros concellos.
Segundo Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, “non hai máis que darse unha volta polo centro da vila para decatarse da mala situación do comercio local. Un sector de vital importancia para a economía local, que xera traballo, benestar e vertebración social, esmorece deixando un regueiro de locais baleiros, sucios e abandonados en moitos casos, amosando unha imaxe moi negativa da nosa vila.”
O consumo de produtos no comercio de proximidade ten un enorme valor social por todo o que xenera, reforzando a economía circular, polo que é imprescindíbel desenrolar iniciativas que poñan en valor o comercio da localidade e tentar frear o peche de negocios locais, xa que isto conleva a perda de postos de traballo, a decadencia económica e en último termo o declive dun concello.
Lucía Santos manifesta que “unha queixa recorrente entre os e as comerciantes do noso concello é a falta de promoción e apoio do Concello de Marín ao sector do comercio, con actuacións claramente insuficientes e de moi limitado alcance. É por isto, que resulta de vital importancia implementar medidas para incentivar o consumo de produtos locais e un maior apoio ao comercio de proximidade de cara a impulsar a economía da nosa vila.”
Propostas do BNG
A portavoz do BNG propón “aumentar a partida orzamentaria destinada ao apoio do comercio local, concretamente duplicar nos vindeiros exercicios a cantidade destinada para o ano 2022”.
Outras medidas propostas na moción son “a posta en marcha de campañas en todas e cada unha das datas sinaladas ao longo do ano” e “a posta en marcha dunha campaña, todos os anos, destinada á concienciación da veciñanza en relación á importancia de apostar polo consumo no comercio de proximidade.”
Ademais solicítase “incrementar o número de eventos para fomentar o consumo dos produtos de proximidade, coa colaboración do comercio e hostalaría local.”
Por último ínstase ao goberno municipal a “executar o plan de dinamización comercial, previsto nunha moción do BNG, que foi aprobado a comezos de 2020, e que contemplaba unha serie de medidas como a creación dunha axenda de actividades na rúa durante todo o ano, exposicións temporais ao aire libre coa colaboración do comercio ou exhibicións de arte na rúa para combater o feísmo e degradación de moitos locais e edificacións, que a día de hoxe aínda non foi posta en marcha.”