O BNG reclama ao goberno local maior atención ao barrio de San Pedro
Lucía Santos insiste ao goberno de María Ramallo “que non se esquezan que hai moita xente que non vive no centro da vila, veciños e veciñas que se sinten abandonadas polo goberno local e tamén pagan os seus impostos, polo que merecen limpeza nas rúas e uns servizos dignos.”
A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, mantivo un encontro coa veciñanza de San Pedro na que deron traslado dunha serie de demandas en relación á falta de mantemento e conservación da zona.
No Pleno Municipal celebrado o pasado xoves 14 de xullo, Lucía Santos expuso as demandas da veciñanza solicitando maior atención para o lugar.
A portavoz municipal solicita “unha maior limpeza da zona, co paso da varredora, xa que están sendo os propios veciños e veciñas quen se encargan da limpeza e baldeado das beirarrúas públicas.”
Ante esta demanda, Santos manifesta que “asistimos unha vez máis ás queixas da veciñanza en canto ao abandono e falta de limpeza por parte do goberno do PP, polo que insistimos na necesidade de incrementar a limpeza e mantemento de todas as rúas do noso concello.”
Lucía Santos insiste ao goberno de María Ramallo “que non se esquezan que hai moita xente que non vive no centro da vila, veciños e veciñas que se sinten abandonadas polo goberno local e tamén pagan os seus impostos, polo que merecen limpeza nas rúas e uns servizos dignos.”
Por outra banda, a portavoz municipal do BNG solicitou ao goberno municipal “a intervención inmediata no arbolado que rodea o Parque Infantil de San Pedro, pois debido á falta de mantemento xa caíron varias árbores polo peso das pólas que levan anos sen ser podadas.”
O último incidente aconteceu o pasado mes de maio cando caiu unha árbore sobre o tendido eléctrico deixando danos no cableado, polo que a veciñanza reclama unha acción inmedianta antes de ter que lamentar males maiores. Cómpre lembrar que as árbores atópanse rodeando o parque infantil e moi preto de vivendas e zona de aparcamento da veciñanza, polo que é necesario tomar medidas de prevención canto antes.
Lucía Santos demanda tamén o arranxo do peche da pista de deportes de San Pedro xa que se atopa en moi mal estado, con roturas en varias partes da malla na zona das porterías.