O BNG denuncia o veto do PP á creación dunha aula de estudo

Lucía Santos manifesta que é indignante que ante unha necesidade evidente, o goberno local se escude nun plan baleiro para non facer nada. Marín leva quince anos sen un espazo para estudar e segue igual por falta de vontade política

O BNG denuncia o veto do PP á creación dunha aula de estudo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta que o grupo de goberno do Partido Popular (PP) rexeitase, no pasado pleno celebrado o 10 de abril, a proposta para habilitar unha aula de estudo pública, estábel e accesíbel no concello. A iniciativa respondía á demanda de estudantes, persoas en formación continua e persoas opositando, que carecen dun espazo municipal axeitado para estudar. “É un servizo básico, e Marín leva máis de quince anos sen el desde o peche da aula da Casa dos Balcóns”, lembra a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos.

Durante o pleno, o PP recoñeceu que a biblioteca municipal resulta insuficiente, sobre todo en épocas de exames, pero en lugar de apoiar a proposta presentou unha emenda de substitución que aposta pola elaboración dun plan de usos dos espazos municipais. Para a formación nacionalista, esta resposta evita tomar medidas reais. “É unha fórmula para non comprometerse con nada. Sen prazos, sen contido, sen solucións”, manifestou Santos.

O BNG intentou chegar a un punto de acordo ofrecendo que a emenda do PP se presentase como moción independente, sen vetar a proposta nacionalista. O grupo de goberno tamén rexeitou esta opción, algo que, segundo Santos, evidencia “unha clara falta de vontade política”.

Ademais, desde o goberno local afirmaron que cando alguén solicita un espazo puntual para estudar, como a aula CeMIT, se lle facilita o acceso. Para o BNG, esa resposta confirma que a necesidade é real, pero tamén pon en evidencia a súa incoherencia: “Cando o pide unha persoa, din que sí. Non obstante, se a demanda se presenta de forma colectiva e formal, como fixemos nós, xa non procede. É unha actitude política mezquiña e sen sentido” afirma Lucía Santos.

O BNG subliña que habilitar unha aula de estudo non é unha medida puntual, senón unha solución que xa funciona con éxito noutros concellos da contorna. “Non se trata só de apoiar á mocidade, senón de garantir igualdade de oportunidades para quen está formándose, sen depender de ter cartos ou vehículo”, defendeu. A formación comprométese a seguir impulsando esta proposta. “Non imos renunciar a que a veciñanza conte cunha aula de estudo pública, útil e accesible. É unha cuestión de xustiza, de compromiso co presente e co futuro da nosa vila”, concluíu Santos Omil.

O BNG denuncia o veto do PP á creación dunha aula de estudo