O BNG solicita actuacións para garantir a accesibilidade nas praias

Lucía Santos Omil, sinala que a accesibilidade non é unha concesión nin unha demanda puntual, senón unha obriga legal e ética que as administracións públicas deben asumir de maneira activa e planificada

O BNG solicita actuacións para garantir a accesibilidade nas praias

O BNG levará ao próximo Pleno celebrado o vindeiro xoves 8 de maio unha moción centrada na mellora da accesibilidade nas praias de Marín. A iniciativa busca garantir que todas as persoas, con independencia das súas capacidades, poidan acceder e gozar en igualdade de condicións do espazo público costeiro.

Esta iniciativa baséase na Lei estatal 6/2022, do 31 de marzo, que reforza os dereitos das persoas con discapacidade e a obriga das administracións públicas de garantir a accesibilidade como condición esencial para a igualdade de oportunidades. Tamén se apoia na Lei galega 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, que obriga a eliminar barreiras e a garantir que todos os espazos públicos sexan accesibles. Así mesmo, incorpora recomendacións técnicas do IDA (Instituto de Accesibilidade), que recollen os criterios que debe cumprir unha praia accesible.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos Omil, sinala que “a accesibilidade non é unha concesión nin unha demanda puntual, senón unha obriga legal e ética que as administracións públicas deben asumir de maneira activa e planificada”.

A moción inclúe dúas propostas concretas:

  1. A instalación de pasarelas axeitadas que permitan o acceso á auga a persoas con mobilidade reducida, ademais de zonas de descanso accesible.

  2. Iniciar actuacións que permitan a accesibilidade a todos os areais do Concello de Marín.

A formación nacionalista insta ao goberno local a abandonar a inacción e a incorporar a accesibilidade como criterio transversal nas políticas públicas de litoral, especialmente tendo en conta o impacto social e comunitario que suporía avanzar cara a un modelo de vida máis inclusivo e xusto.

O BNG solicita actuacións para garantir a accesibilidade nas praias