O BNG solicita a creación dunha aula de estudo

Foto: José Luís García Portela
Foto: José Luís García Portela

Lucía Santos denuncia a inacción do goberno local tras máis de 16 anos sen un lugar digno para estudar en Marín. “En 2023 dicían que a biblioteca non servía para estudar. En 2024 ampliárona para ese uso. En 2025 seguimos sen un espazo fixo.”

O BNG solicita a creación dunha aula de estudo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao pleno do xoves 10 de abril unha moción para habilitar un espazo municipal de estudo permanente, con horario amplo e medios axeitados. O obxectivo é ofrecer unha aula accesible e funcional para as persoas estudantes, que dea resposta a unha necesidade real e recorrente na vila.

Marín leva 16 anos sen dispoñer dun espazo público dedicado a este fin. Esta carencia afecta directamente ás persoas estudantes que se ven na obrigada a quedar nas cidades onde cursan os estudos ou a desprazarse a outros concellos, como Pontevedra, mesmo durante os períodos non lectivos, por non contar cun lugar axeitado.

Lucía Santos Omil, voceira do BNG, sinala que “en 2023 o goberno local dicía que a biblioteca non servía para estudar. En 2024 ampliou o seu horario ata xullo precisamente para ese uso. En 2025 seguimos sen un espazo fixo. A incoherencia é evidente e a necesidade, tamén”.

A proposta do BNG vai máis alá dunha solución puntual. Pretende habilitar un espazo accesible, ben equipado e con capacidade para acoller tamén actividades formativas complementarias. A moción concreta dúas liñas de actuación principais:

  1. Habilitar unha aula de estudo municipal, dotada de recursos materiais e humanos, con horario amplo e estable.

  2. Incorporar á comunidade educativa local ao deseño e funcionamento do espazo, para garantir que se adapte ás necesidades reais da mocidade usuaria.

Desde o BNG lembran que xa existiu un espazo semellante na Casa dos Balcóns e que o Concello conta con locais municipais infrautilizados. “Non hai escusas. O que falta é vontade política. Marín merece un lugar digno para estudar”, conclúe Santos. A creación dunha aula de estudo municipal é unha medida necesaria e urxente para garantir un espazo adecuado para o estudo, reforzar os vínculos comunitarios e favorecer o desenvolvemento educativo e social do concello.

O BNG solicita a creación dunha aula de estudo