O BNG propón buscar unha nova ubicación para o aparcadoiro soterrado

Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín
Lucía Santos

Lucía Santos considera que a ubicación no Parque Eguren “vai contra un dos eixes fundamentais de mobilidade urbana sostíbel, xa que o lugar no que se proxecta a construción conlevaría un aumento de tráfico no centro do casco urbano. Ademais é unha zona sensíbel con dous centros escolares próximos e un parque de xogos, onde o lóxico sería a potenciación de espazos que faciliten a mobilidade urbana a pé ou en bicicleta.”

O BNG propón buscar unha nova ubicación para o aparcadoiro soterrado

A falta de aparcamento en Marín é un problema que se ven arrastrando desde hai tempo, mais agravouse nos últimos anos coa eliminación de numerosas prazas de aparcamento por diferentes reformas urbanas. Ademais, Marín non conta con transporte público que comunique as parroquias coa vila, polo que a veciñanza ten que utilizar o transporte privado para os seus desprazamentos.

A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos lembra que a proposta do BNG en canto a solucionar os problemas de aparcamento na vila de Marín pasa pola “creación dunha ou varias zonas de aparcamento realmente disuasorio e a construción dun aparcadoiro soterrado ubicado nunha zona próxima ao centro, que aporten o número suficiente de prazas de aparcamento e limiten a circulación de vehículos no casco urbano. E así fomentar a mobilidade sostíbel, facilitando a creación de espazos peonís, mais para isto é preciso retirar o tráfico das rúas céntricas da vila.”

Os espazos recentemente creados, destinados a aparcamento público e mal chamados “aparcadoiros disuasorios”, están sendo utilizados pola veciñanza do centro da vila. A realidade é que, debido a reformas urbanas ou como consecuencia da posta en marcha do aparcamento por tempo limitado, estes aparcadoiros están sempre completos, tanto de día como de noite.

É por isto, que Lucía Santos insiste “na necesidade de levar a cabo un estudo que permita dotar a Marín de aparcadoiros disuasorios reais”, situados na periferia da vila, ofrecendo unha alternativa de aparcamento á xente que se despraza a Marín e desconxestionando o centro da vila.

En relación coa proposta do goberno municipal para a construción dun aparcadoiro soterrado, a portavoz municipal do BNG considera que “cómpre estudala mellor, xa que estamos a falar dun proxecto que influirá dun xeito decisivo na ordenación urbana do Marín do futuro.”

A portavoz municipal do BNG, considera que a ubicación no Parque Eguren “vai contra un dos eixes fundamentais de mobilidade urbana sostíbel, xa que o lugar no que se proxecta a construción conlevaría un aumento de tráfico no centro do casco urbano. Ademais é unha zona sensíbel con dous centros escolares próximos e un parque de xogos, onde o lóxico sería a potenciación de espazos que faciliten a mobilidade urbana a pé ou en bicicleta.”

Por outra banda, o proxecto recolle un número de prazas de aparcamento bastante limitado, concretamente 218. O aparcadoiro en fronte da alameda conta na actualidade con 330 prazas, que se verán reducidas considerabelmente en canto dean comezo as obras do futuro Centro Cultural, polo que o aparcadoiro soterrado proxectado nin tan sequera cubrirá as prazas que se perdan polas obras, que ademais serán prazas de pagamento.

Segundo Lucía Santos, “a proposta do PP para a construcción do aparcadoiro soterrado no Parque Eguren suporía un desenrolo urbanístico de Marín moi negativo, xa que dificultaría a limitación e ordenación do tráfico, impedindo así a creación de espazos públicos e peonís no núcleo da vila.”

Santos reitera que “esta proposta volta amosar a falta de proxecto do goberno de María Ramallo. Supón unha nova improvisación, unha fuxida cara adiante, como xa pasou coa creación dos aparcadoiros mal chamados “disuasorios”, mais non obecede a un plan definido en canto ao modelo urbano.”

E engade que “resulta manifesta a incapacidade de dar solución aos problemas que padece o noso concello, presentando unha proposta que non só non vai resolver o problema de aparcamento, senón que o vai empeorar ao eliminar prazas públicas que serán substituídas por prazas de pago.”

O BNG propón buscar unha nova ubicación para o aparcadoiro soterrado