O BNG lamenta que Marín continúe sen espazo para autocaravanas
Lucía Santos manifesta que “pasa o tempo e o goberno do PP segue sen executar o acordo plenario, deixando o noso concello sen un importante servizo que aposta por unha modalidade de turismo sustentábel e repercute na economía local”.
O turismo de autocaravana é unha modalidade de viaxar que ven medrando exponencialmente nos últimos anos e que se viu incrementado considerabelmente como consecuencia da pandemia, marcando records de venda de vehículos de autocaravana e dándose a situación na que demanda de aluguer supera xa a oferta existente, o que amosa a evidente expansión deste xeito de viaxar.
Galiza conta con arredor de 150 áreas para autocaravanas sendo, xunto con Cataluña e Castela e León, unha das comunidades que máis apostaron polo turismo itinerante coa creación de novos servizos.
É por isto, que cada vez son máis os concellos que se dotan dunha zona de servizo para esta modalidade de turismo en auxe, que repercute indiscutibelmente na economía local.
Concellos da nosa contorna como Pontevedra, Cangas, Soutomaior, Sanxenxo, Poio, Redondela, Covelo, Mondariz, etc. xa contan con este servizo, mais Marín volta afrontar outro verán sen a dotación dun espazo para autocaravanas.
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, lembra que, antes aínda do inicio da pandemia, “en febreiro do 2020 o BNG presentou uha moción solicitando a creación de espazo para o estacionamento de autocaravanas, aprobada por unanimidade, que permitiría dotar a Marín dun servizo demandado para potenciar o sector turístico, xerando unha importante fonte de ingresos na economía local.”
Mais Lucía Santos manifesta que “a realidade é que pasa o tempo e o goberno do PP segue sen executar o acordo plenario, deixando o noso concello sen un importante servizo que aposta por unha modalidade de turismo sustentábel e repercute na economía local”.
En palabras da portavoz municipal do BNG “asistimos a unha mostra máis da deixadez e falta de xestión que ven amosando o goberno de María Ramallo, que despois de dous anos segue sen atopar o lugar axeitado para dotar a Marín deste servizo.”
Lucía Santos lembra que “Marín presenta uns datos demográficos moi negativos desde a chegada do PP en 2011, e non é por casualidade”. E engade que “o PP amosa falta de ideas e de interese para implementar medidas para a dinamización socioeconómica do concello, neste caso que permitan atraer turismo, o que sitúa a Marín moi por detrás de calquera dos concellos que nos rodean en número de visitantes.”
A falta dun espazo para autocaravanas está, ademais, creando problemas cun “asentamento ilegal” na contorna de Portocelo, como foi denunciado publicamente hai uns días. “Esta situación supón unha mostra máis da necesidade que ten o noso concello da dotación do servizo de aparcamento para autocaravanas, mais o goberno municipal do PP continúa mirando para outro lado, permitindo que Marín quede atrás novamente”, segundo expresa a portavoz municipal do BNG.
Lucía Santos dí que “o noso concello conta con recursos espectaculares que deben ser postos en valor, e para isto é precisa a dotación de servizos que están a ser demandados e así fomentar o turismo sostíbel. Temos un grande potencial mediambiental e patrimonial para dar a coñecer.”