O BNG traslada a Pleno as queixas das Pedreiras

Pedreiras

Lucía Santos manifesta que “a veciñanza das Pedreiras queixase, con razón, do estado de abandono do lugar, e resulta moi chamativo que unhas obras tan necesarias para mellorar o estado da zona rematen causando un gran malestar e a indignación de toda a veciñanza.”

O BNG traslada a Pleno as queixas das Pedreiras

A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, reuniuse o pasado martes 7 de xuño con representantes da Asociación de Veciños das Pedreiras. No encontro, os representantes da asociación veciñal trasladaron numerosas queixas en relación ás obras que están tendo lugar na zona, así como manifestaron outras moitas reclamacións sobre o estado no que se atopa a zona.

Cómpre lembrar que Lucía Santos visitou a zona, acompañada por un grupo de veciños e veciñas, a comezos do mes de abril, onde recolleu a indignación veciñal ante a falta de concreción por parte do goberno local do PP en canto á realización da segunda e terceira fases das obras de mellora previstas no lugar.

Mais amais disto, as obras de humanización que se iniciaron no pasado mes de febreiro no lugar de Pedreiras de Arriba están causando importantes problemas e moito malestar entre a veciñanza.

No Pleno Municipal celebrado onte, xoves 9 de xuño, Lucía Santos expuso as queixas da asociación veciñal das Pedreiras no punto de rogos e preguntas.

A portavoz municipal do BNG afirma que “as obras que deron comezo no pasado mes de febreiro están sendo moi longas, caóticas e desorganizadas”. Tan só dous operarios están a realizar as obras, que están causando graves problemas á veciñanza para poder entrar nas súas vivendas, pois non se facilitou ningún tipo de acceso, resultando especialmente grave o caso dun veciño que precisa asistir a diálise tres días á semana e non pode ser recollido en vehículo na súa casa.

Lucía Santos afirma que “a veciñanza queixase, con razón, de falta de seguridade”. O firme da estrada leva meses levantado, con arquetas abertas sen sinalizar e material de obra espallado sen control, o que xa causou caídas de varias persoas. Non hai sinalizacións para avisar dos cortes de estrada polas obras, o que provoca problemas de tráfico debido á falta de espazo para circular existente no lugar. Ademais, a veciñanza está sufrindo danos nos vehículos causados pola maquinaria da obra, sen que deixen ningún tipo de aviso, e polo propio estado da estrada.

Lucía Santos lamenta “a falta de información cando se produce un corte de auga na zona por mor das obras, xa que non se coloca ningunha nota informativa avisando á veciñanza, o que acarrea importantes problemas para a realización das actividades cotiás.”

A veciñanza leva moito tempo trasladando estas queixas ao goberno local, mediante numerosos escritos e correos electrónicos con múltiples fotografías que acreditan a veracidade das súas reclamacións. Mais non atopan resposta por parte do goberno, nin por suposto acoden ao lugar para falar coa veciñanza, malia terllo solicitado, algo que a portavoz do BNG considera “unha absoluta falta de respecto cara a veciñanza”.

Lucía Santos manifesta que “a veciñanza das Pedreiras queixase, con razón, do estado de abandono do lugar, e resulta moi chamativo que unhas obras tan necesarias para mellorar o estado da zona rematen causando un gran malestar e a indignación de toda a veciñanza.”

Noutra orde de cousas, a portavoz municipal do BNG solicita “unha maior limpeza da zona, co paso da varredora pola zona e a colocación de papeleiras, pois non existe nin unha soa papeleira na zona.” Ante esta moi razonábel demanda, o concello puxo a condición de que ten que ser a propia veciñanza a encargada de vaciar e limpar as papeleiras, que Lucía Santos considera “unha tomadura de pelo aos veciños e veciñas”.

Santos reclama “a limpeza da mina de auga do lavadoiro de As Pedreiras, pois na actualidade non bota auga, tendo os veciños e as veciñas que ir buscar auga a outro punto bastante máis afastado das casas”. Outra queixa da veciñanza é que non hai suficiente presión de auga no lugar.

A portavoz municipal do BNG demanda tamén “unha reorganización do tráfico na zona para facilitar a circulación, dado que se trata de rúas moi estreitas e con moita frecuencia prodúcense problemas.”

Xa por último, Santos considera necesaria “unha maior presenza policial na zona”, xa que a veciñanza afirma é inexistente, e no lugar hai varios puntos de venda de droga, o que xenera unha importante inseguridade no lugar.

Lucía Santos remata afirmando que “a veciñanza das Pedreiras síntese, con razón, abandonada e ignorada polo goberno local” e lembra que “o BNG esixirá que as súas xustas reclamacións sexan solucionadas.”

O BNG traslada a Pleno as queixas das Pedreiras