O BNG solicita o apoio a unha Lei de Montes Veciñal

IMG20220423174752

Lucía Santos manifesta “a importancia de protexer o monte veciñal evitando a súa especulación e poñer en valor o aproveitamento e uso sustentábel ao servizo da veciñanza”

O BNG solicita o apoio a unha Lei de Montes Veciñal

Os montes veciñais en man común ocupan ¼ do territorio galego. Conforman unha institución singular de Galiza dado o seu carácter de titularidade xermánica, xa que están xestionados pola veciñanza comuneira, entendida non como ente administrativo, senón como grupo social.

A posta en valor dos montes veciñais en man común debe levarse adiante de xeito sustentábel polo que o funcionamento asembleario e democrático das comunidades de montes encaixa perfectamente nestes postulados.

Organismos internacionais como a ONU ou a FAO manifestan que o futuro dos montes pasa por avanzar cara unha tenencia máis xusta destes territorios, evitando a acaparación dos mesmos en poucas mans e dando protagonismo aos titulares dos montes. Estes prantexamentos veñen sendo reais nos montes veciñais galegos desde tempos inmemoriais.

Os montes veciñais en man común son e deben seguir sendo espazos abertos. As súas funcións sociais, medioambientais e culturais deben beneficiar a sociedade galega no seu conxunto.

Mais desde hai unha década diversos artigos da lei de montes veciñais e da lei de montes de Galiza veñen sendo modificados, promulgando leis colaterais (lei de simplificación administrativa, lei de fomento empresarial) que teñen por obxectivo sacarlle á veciñanza comuneira a xestión das súas terras para entregarllas a terceiros.

Está prevista tamén a modificación da lei de montes veciñais actualmente vixente, co obxectivo de desnaturalizar os montes veciñais eliminando a súa característica de titularidade xermánica para convertilos en titularidades de carácter privado.

Por todo isto, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladará ao pleno municipal, que se celebrará este xoves 9 de xuño, unha moción solicitando “o apoio da corporación á Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, na que se solicita o recoñecemento dos montes veciñais como unha figura de protección medioambiental e cultural, ademais da necesidade de reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal e recoñocer esta titularidade como unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas.”

Lucía Santos manifesta “a importancia de protexer o monte veciñal evitando a súa especulación e poñer en valor o aproveitamento e uso sustentábel ao servizo da veciñanza”, polo que o BNG está levando a cabo unha campaña de recollida de sinaturas para trasladar ao Parlamento Galego o debate dunha Lei de Montes Veciñais que protexa os intereses das comunidades de montes.

O BNG solicita o apoio a unha Lei de Montes Veciñal