O BNG solicita a posta en funcionamento da Plataforma “Marín en rede”
Lucía Santos critica que a Plataforma “Marín en rede” leva inactiva máis dun ano, representando “un novo exercicio de pura publicidade por parte do PP” e “unha mostra máis da deixadez e falta de interese que vén amosando o goberno municipal do PP en relación ao comercio local”
O Concello de Marín anunciou hai dous anos, ante a crise económica causada pola COVID-19, a creación dunha plataforma dixital para a dinamización e reactivación do comercio local e a hostalaría. Esta iniciativa, enmarcada na campaña “Marín en Rede”, tiña como obxetivo potenciar, visibilizar e dixitalizar o comercio local e a hostalaría para poñer en valor o comercio de proximidade e levar a cabo campañas publicitarias de fidelización, ademais de crear unha tenda electrónica a través dunha plataforma online.
Para a posta en marcha desta plataforma destinouse un orzamento de 30.000 euros, e prevíanse unha serie de actuacións como a creación da páxina web, campañas de visibilización do comercio local, campañas na rúa e nas redes sociais e vídeos de apoio aos establecementos adheridos a esta rede. O obxetivo era a consolidación desta ferramenta dixital como dinamización da economía local.
Mais o certo é que, segundo denuncia a portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, “a plataforma, promovida polo concello para impulsar o comercio local e a hostalaría, leva máis dun ano ser actualizar”, xa que a última campaña que promocionou o goberno municipal dende a rede foi a campaña “A primavera chega a Marín en Rede”, que foi presentada en marzo do pasado ano 2021.
É por isto que Lucía Santos pediu explicacións na Comisión Informativa de Comercio dos motivos polos que a plataforma dixital “Marín en Rede” estaba inactiva desde hai máis dun ano, e solicitou “a súa posta en funcionamento inmediata. Mentres o comercio local, un sector de vital importancia para a economía local, esmorece, o PP é incapaz de levar a cabo un proxecto de apoio e visibilización para apoiar o comercio local.”
En palabras da portavoz municipal do BNG de Marín, asistimos a “un novo exercicio de pura publicidade por parte do PP da Sra. Ramallo, que anuncia a posta en marcha dunha iniciativa para supostamente apoiar o comercio local, mais baleiro de contido e sen percorrido, como podemos comprobar unha vez máis”.
Lucía Santos manifesta que “esta situación é unha mostra máis da deixadez e falta de interese que vén amosando o goberno do PP en todos os ámbitos da xestión municipal, e que está a provocar que o noso concello se atope en caída libre desde a súa chegada ao goberno local en 2011. E o que é máis grave, o PP malgasta os cartos públicos na creación de proxectos que logo son incapaces de desenvolver.”