Lucía Santos, candidata do BNG nas municipais de 2023

DSC_0071

Xurxo Agra, Responsábel Local do BNG, resalta que “amais de valorar moi positivamente o seu traballo nestes anos, consideramos que o perfil de Lucía Santos é o idóneo para liderar o equipo que estamos configurando.”

Lucía Santos afirma que “Marín non pode permitirse o luxo de que o PP goberne o noso concello 4 anos máis. Marín precisa un revulsivo, un goberno coas ideas claras, cun proxecto definido e con iniciativa e ganas de mellorar a calidade de vida da veciñanza.”

 

Lucía Santos, candidata do BNG nas municipais de 2023

O BNG de Marín presentou onte á tarde a Lucía Santos como candidata á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de 2023, nun acto que contou coa participación de militantes da localidade, e do Responsábel Comarcal do Morrazo, Paulo Ríos, e o Responsábel Local de Pontevedra, Demetrio Gómez.

O BNG de Marín iniciou hai varios meses un proceso de debate interno en relación ás eleccións municipais de 2023, no que se realizou unha valoración do traballo realizado nestes anos e analizou o futuro inmediato e os desafíos aos que se enfronta o noso concello.

En palabras de Xurxo Agra, Responsábel Local do BNG de Marín, “podemos afirmar que estamos razonablemente satisfeitos do traballo realizado. No contexto dunhas eleccións municipais de 2019 cunha grandísima fragmentación, consideramos que os resultados foron moi dignos, e máis se temos en conta que quedamos a tan só 23 votos de acadar o segundo representante. E desde entón o BNG está a realizar unha firme oposición á negativa xestión do PP á fronte do Concello, ao tempo que construtiva, coa presentación de numerosas propostas.”

En canto ao futuro, Xurxo Agra afirma que “o BNG ten o foco posto en incrementar dun xeito importante a nosa representación no Concello e ser o axente principal do cambio que Marín precisa. Estamos traballando na configuración dun proxecto ilusionante e un equipo profesional e competente que sexa quen de aportar as solucións aos importantes problemas que presenta o noso concello e reverter a preocupante tendencia na que nos envolveu o PP desde 2011.”

Tendo todo isto en conta, a Asemblea Local do BNG de Marín acordou por unanimidade outorgar a plena confianza a Lucía Santos para encabezar novamente a candidatura do BNG de Marín nas vindeiras eleccións municipais de 2023.

O Responsábel Local do BNG de Marín resalta que “amais de valorar moi positivamente o seu traballo nestes anos, consideramos que o perfil de Lucía Santos é o idóneo para liderar o equipo que estamos configurando. Traballo abnegado, paixón, empatía, proximidade, escoita activa, transparencia, tranquilidade, motivación, positividade, resiliencia, perseverancia, responsabilidade, confianza, integridade e xenerosidade son algunhas das moitas cualidades que reúne Lucía Santos.”

Xurxo Agra remata manifestando que “Lucía Santos é unha compañeira que leva demostrado sobradamente o seu compromiso con esta organización e é concelleira desde 2015, o que lle outorga unha importante experiencia. Amais, mantén un permanente contacto coa rúa, coa veciñanza. Por todo isto, Lucía Santos é a candidata ideal para o BNG de Marín.”

Pola súa banda, Lucía Santos manifestou a súa “gran ilusión polo nomeamento” e “o agradecemento á militancia do BNG de Marín por depositar a súa confianza na miña persoa para liderar a candidatura do BNG nas vindeiras eleccións municipais”.

Lucía Santos lembrou que “durante estes últimos anos traballei arreo para representar dignamente a miña organización, facer unha oposición construtiva ao PP e tratar de facer un Marín mellor para os veciños e veciñas do noso concello. Con esta designación a militancia do BNG de Marín recoñeceu este traballo. É por iso que estou enormemente orgullosa do traballo realizado, agradecida aos compañeiros e compañeiras, e ilusionada ante os retos que temos por diante.”

A Portavoz Municipal do BNG de Marín lembrou que o noso concello “atópase en caída libre desde a chegada ao goberno local do PP de María Ramallo, cuns datos demográficos dramáticos que poñen en evidencia a incapacidade e incompetencia deste goberno.”

Lucía Santos afirmou que “o goberno do PP de María Ramallo non só non é quen de frear esta negativa tendencia, se non que é o causante da mesma, debido á falta de proxecto e de iniciativa, posto de manifesto sobradamente ao longo de todos estes anos. Un goberno satisfeito coa lei do mínimo esforzo, e que fuxe dos problemas importantes que padece o noso concello.”

A Portavoz Municipal manifestou que “Marín non pode permitirse o luxo de que o PP goberne o noso concello 4 anos máis. Marín precisa un revulsivo, un goberno coas ideas claras, cun proxecto definido e con iniciativa e ganas de mellorar a calidade de vida da veciñanza.”

En palabras de Lucía Santos “Marín precisa reverter a situación, cun proxecto definido orientado a mellorar a calidade de vida da veciñanza e capaz de impulsar o dinamismo socio-económico do noso concello. Un proxecto como o que o BNG ten implantado con éxito naqueles concellos como Pontevedra ou Allariz, e tantos outros, que hoxe son referencia a nivel mundial.”

E a continuación enumerou as principais liñas de actuación lembrando que “Marín é un concello cun gran potencial, mais precisa un goberno competente que desenvolva o PXOM, cun modelo urbano definido, que aposte con decisión polo comercio local, polo establecemento de zonas de implantación comercial, con ideas para establecer unha programación cultural ao longo de todo o ano e de xenerar unha oferta de lecer tanto para a mocidade como para o resto da poboación, capaz de atraer turismo e que sexa quen de aproveitar os espectaculares recursos naturais, como o Lago de Castiñeiras, e o rico patrimonio natural, etnográfico e arqueolóxico do noso concello.”

Lucía Santos lembrou que para o BNG de Marín é moi importante escoitar á veciñanza e “iniciou un debate colectivo coa veciñanza e cos principais axentes sociais de Marín, a campaña “Pensar Marín”, para detectar os problemas do noso concello e atopar solucións entre todos e todas.”

E concluiu afirmando que “no BNG estamos xa traballando na configuración dun proxecto ilusionante e ambicioso para Marín, integrando a todas aquelas persoas dispostas a facer un Marín mellor e recollendo todas as achegas e colaboracións coa finalidade de construir o Marín dinámico, vivo e con futuro que todos e todas os marinenses soñamos."

Lucía Santos, candidata do BNG nas municipais de 2023