A situación esixe un cambio de rumbo
Lucía Santos, "no BNG estamos traballando para conformar un proxecto ambicioso para Marín, integrando a todas aquelas persoas dispostas a facer un Marín mellor e recollendo todas as achegas e colaboracións coa finalidade de construir o Marín dinámico, vivo e con futuro que todos e todas os marinenses soñamos."
Marín atópase en caíde libre desde 2011. Marín é un concello que viña medrando en poboación desde o ano 1986, mais coa chegada do PP da Sra. María Ramallo ao goberno local prodúcese un profundo cambio de tendencia.
En tan só 11 anos de goberno popular, Marín pasou de 25.997 a 24.248 habitantes, perdendo nada máis e nada menos que 1.749 habitantes, nun contexto no que os concellos veciños gañan poboación. Marín pasou de ser o concello máis grande da comarca do Morrazo a ver como hoxe Cangas nos supera en 2.460 habitantes, e ocupa o pouco honroso título de ser o segundo concello galego de entre 20.000 e 50.000 habitantes cos peores datos demográficos.
Resulta evidente, á luz dos datos do Instituto Galego de Estatística, que algo se está a facer moi mal en Marín. Marín padece un goberno do PP que non só está amosando unha incapacidade manifesta á hora de frear este declive, se non que é responsable do mesmo, consecuencia da pobre xestión dun goberno municipal carente de proxecto e de iniciativa.
Nestes 11 anos o goberno do PP da Sra. Ramallo ven amosando sobradamente a falta de proxecto, gobernando a base de ocorrencias, improvisacións e contradicións; a ausencia de iniciativa; sen ganas de abordar os importantes problemas que presenta o noso concello; e sen ter en conta as propostas que o BNG leva facendo durante todos estes anos.
Marín é un concello cun gran potencial, ubicado nun enclave privilexiado, porta de entrada á comarca do Morrazo e a escasos minutos de Pontevedra e do acceso á autoestrada do Atlántico. Mais sofre un goberno paralizado, incapaz de desenvolver o PXOM, carente dun modelo urbano definido, falto de ideas para atraer turismo, incompetente á hora de aproveitar os espectaculares recursos naturais, como o Lago de Castiñeiras, e o rico patrimonio natural, etnográfico e arqueolóxico do noso concello.
O comercio languidece ante a falta de decisión do goberno local e o noso concello carece de zonas de implantación comercial por falla de interese do PP. A política dirixida á mocidade é inexistente, nun Concello que presenta unha absoluta falta de programación cultural por parte do goberno local e cunha oferta de lecer realmente pobre.
Cun goberno adicado única e exclusivamente a proxectar imaxe, propaganda e publicidade, mais baleiro de contido, o resultado é un concello en decadencia.
Estamos a un ano dunhas eleccións municipais que non son unhas máis. Marín xógase moito. Marín non pode continuar con este decaemento, vendo como todos os concellos do noso arredor medran e van cara arriba, mentres Marín retrocede aos anos 90, cando non aos anos 60.
Marín precisa reverter a situación, cun proxecto definido orientado a mellorar a calidade de vida da veciñanza e capaz de impulsar o dinamismo socio-económico do noso concello. Un proxecto como o que o BNG ten implantado con éxito naqueles concellos como Pontevedra ou Allariz, e tantos outros, que hoxe son referencia a nivel mundial.
Mais no BNG tamén somos conscientes de que é fundamental escoitar á xente e recoller as súas impresións. E así, o pasado mes de decembro iniciamos a campaña “Pensar Marín”, un debate colectivo coa veciñanza e cos principais axentes sociais de Marín para detectar os problemas do noso concello e atopar solucións entre todos e todas.
No BNG estamos traballando para conformar un proxecto ambicioso para Marín, integrando a todas aquelas persoas dispostas a facer un Marín mellor e recollendo todas as achegas e colaboracións coa finalidade de construir o Marín dinámico, vivo e con futuro que todos e todas os marinenses soñamos.
Somos conscientes tamén da gran responsabilidade que temos en relación a evitar repetir os erros, nomeadamente a excesiva fragmentación da alternativa ao PP, cometidos en 2019 que lle entregaron non só a maioría absoluta ao PP, se non unha evidente sobrerrepresentación. Desde o BNG tendemos a man e facemos un chamamento á responsabilidade de todos e todas en aras a acadar a máxima unidade. Marín non pode permitirse 4 anos máis de goberno popular.