O BNG critica a postura do PP contra a moción para impedir o parque eólico no Morrazo
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, expresou a súa indignación: “Vergoña! É o que sinto hoxe do goberno municipal do Concello de Marín. Vergoña por ser o único concello do Morrazo en votar NON á moción”
No Pleno da Corporación Municipal de Marín celebrado o pasado 13 de xuño, Daniel Rosales, presidente da Comunidade de Montes de Santomé de Piñeiro, presentou unha moción en nome da Plataforma “Eólicos no Morrazo Non” en contra da instalación dun parque eólico nos montes do Morrazo. O proxecto inclúe a instalación de 15 aeroxeradores, con alturas superiores a 100 metros e diámetros de case 150 metros, dous dos cales estarían situados no concello de Marín.
A Plataforma leva tempo activa na rexión, organizando asembleas veciñais en diversas localidades para informar e mobilizar aos cidadáns contra este proxecto. A máis recente destas asembleas celebrouse o pasado 2 de xuño na Casa de Cultura de Santomé de Piñeiro. Durante o mes de maio, a plataforma presentou mocións similares nos plenos municipais de Moaña, Cangas e Vilaboa, que foron aprobadas por unanimidade dos distintos grupos políticos de cada corporación municipal. En Bueu, a moción foi aprobada con abstención do PP.
A pesar das expectativas, o Partido Popular (PP) votou en contra da moción en Marín, marcando unha diferenza significativa respecto doutros municipios da comarca. A concelleira Lucía Santos, portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), expresou a súa indignación nas redes sociais: "Vergoña! É o que sinto hoxe do goberno municipal do Concello de Marín… Vergoña por ser o único concello da comarca do Morrazo en votar NON á moción” contra o parque eólico na comarca.
Ademais, Tino Iglesias, concelleiro do BNG, destacou que o novo proxecto eólico “está promovido por Enel Green Power España, a mesma empresa que intentou desenvolver o falido proxecto Pedras Negras fai tres anos, tras o rexeitamento unánime da veciñanza e diversas asociacións e administracións locais”. Ademais, subliñou que o Plan Eólico de Galicia, creado en 1997, está desfasado e necesita unha actualización. O informe "Impacto Económico do Sector Eólico en Galicia" da consultora Deloitte ven a evidenciar que a solución pasa por actualizar os parques existentes, mellorando a eficiencia dos aeroxeradores actuais.
O voto en contra do goberno local en Marín marca unha notable excepción no consenso rexional sobre a oposición aos novos proxectos eólicos nos Montes do Morrazo. O BNG tentou ata a intervención final que a postura do PP de Marín non fose en contra para non ser a única formación en cinco concellos con dita postura. A mobilización cidadá liderada pola Plataforma “Eólicos no Morrazo Non” continúa a ser un exemplo de participación activa na defensa do medio ambiente e do patrimonio local.