O BNG reafirma a súa oposición ao aparcadoiro soterrado no parque Eguren
Tino Iglesias defendeu a postura en contra do aparcadoiro soterrado no parque Eguren debido a que desde o 2019 o goberno local leva facendo estudos sobre a súa viabilidade e o propio concelleiro de Facenda, Manuel Santos, recoñeceu que non sería rendible.
No pleno celebrado o 13 de xuño, un dos temas principais debatidos foi o problema de aparcamento en Marín, respondendo así ao debate de opinión pública. A proposta do grupo municipal do Partido Popular (PP) para a construción dun aparcadoiro soterrado baixo o Parque Eguren foi un dos puntos máis controvertidos.
O BNG mantivo unha postura firme en contra deste proxecto.Tino Iglesias, concelleiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG), explicou que desde 2019 o goberno local leva facendo estudos sobre a súa viabilidade e que o propio concelleiro de Facenda do PP, Manuel Santos, afirmou no pleno do 11 de abril deste ano que non sería rendible. Ademais, a construción deste aparcadoiro soterrado implicaría atraer máis coches ao centro de Marín en lugar de sacalos, o que incrementaría o tráfico en rúas como Concepción Arenal, Rúa Á Estrada e Ezequiel Massoni, afectando tamén a zona dos colexios.
O BNG destacou que, no plan de mobilidade urbana, aínda que a creación dun aparcadoiro é unha das 45 medidas, hai outras 44 que deben ser contempladas. Entre as medidas inclúense un servizo municipal de transporte público con frecuencia continua entre as parroquias e o centro urbano e a creación dunha comisión ou grupo de traballo con expertos ou para solucionar o problema que o goberno local creou ao limitar o aparcamento. En palabras de Tino Iglesias, "é necesario avaliar todas as opcións dispoñibles antes de tomar unha decisión definitiva".
O BNG vén presentando propostas, como a creación dun aparcamento en Méndez Núñez e na zona da Dichosa, apoiadas por expertos na materia para solucionar os problemas de aparcamento en Marín. Esta última ridiculizada polo PP por considerala afastada do centro urbano. Non obstante, é preciso sinalar que este aparcadoiro está estratexicamente situado a só 2-3 minutos da Praza de Abastos, a 5 minutos do Bar Lelé (Farola) e a 8 minutos da Praza 8 de Marzo, o que demostra a súa conveniencia e utilidade para a cidadanía.
O BNG continuará traballando para ofrecer solucións viables e sostibles aos problemas de aparcamento en Marín, sempre co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Non nos opoñemos á necesidade real de aparcamento, senón aos parches a curto prazo que a longo prazo suporán unha responsabilidade que a veciñanza non ten porque asumir.