Un novo enfoque para o espazo público
O candidato José Souto expón un novo enfoque para o espazo público. O obxectivo é construir un concello moderno, atractivo e dinámico.
José Souto é Técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos. 17 anos como emprendedor con base en Marín, con estudo de proxectos, desenrolo e dirección de obras de entornos paisaxísticos privados, corporativos e públicos.
Recoñecementos:
- 2011: Primeiro premio no festival internacional FIXA de deseño de xardíns en Allariz.
- 2016: Primeiro premio no festival internacional FIXA de deseño de xardíns en Allariz.
- 2017: Primeiro premio no festival internacional de deseño de espazos paisaxísticos en Ponte de Lima (Portugal).
- 2019: Primeiro premio no concurso Mellor Xardín Galego, outorgado por Agaexar e Acubam.
- 2019: Primeiro premio no concurso estatal de deseño en paisaxismo profesional FEEJ. Iberflora (Valencia), representando a Galiza.
Exteriores, zonas verdes e evolución paisaxística en Marín
Algo que caracteriza a un concello moderno, atractivo e dinámico é o uso dos seus espazos exteriores e zonas verdes dunha forma aberta, social e sostible, xerando un beneficio aos habitantes e visitantes que repercute no crecemento da vila e na mellora da calidade de vida, creando equilibrio medioambiental e aínda fomentando o gasto nos comercios (hostalaría, venta ao público, servizos…).
Estes espazos dannos identidade, crean veciñanza, falan do noso ADN e dan a entender quen somos e cara onde imos. É moi importante no momento da xestación dun proxecto acertar cos obxectivos marcados de presente e futuro, facelo con cabeza dende o principio para satisfacer as necesidades de uso para o cal foi concebido, xa que se non as cumpre simplemente será un malgasto de fondos e tempo e quizais non haxa máis oportunidades para volver facelo. Finalmente ese será o legado que deixamos como representantes da cidadanía para as seguintes xeracións, estea ben ou mal feito.
En Marín temos potencial dabondo para poder crecer e sobre todo mellorar, pero para que isto sexa posible temos que ter unha boa xestión, e para conseguir estes obxectivos dunha maneira eficiente habería que desenrolar tres areas prioritarias: o mantemento, a creación técnica e desenrolo das obras.
No referente ao mantemento o primeiro a facer é unha conservación adecuada do que xa temos, dándolle valor e mesmo mellorándoo. Non vale de nada crear novas zonas para despois telas abandonadas. A sensación xeral ten que ser de coidado e limpeza.
En canto á creación, unha oficina técnica de paisaxismo con profesionais cualificados dende o concello traballaría deseñando, planificando, xestionando, valorando as actuacións coa súa correcta execución e evolución.
Na creación dos espazos hai que pensar no seu mantemento posterior, pero non dar sempre solucións simples con composicións de pranta que supostamente non dan traballo, xa que podemos caer na simpleza máis absoluta da mesma forma que se gasta en pranta de temporada para despois tirala, poñendo sempre cyclamen, begonia e alegría guineanas cos mesmos colores durante 12 anos, sen variar e facer novas combinacións.
A visión ten que ser que hai que traballar para 24.034 clientes respectando sempre o pensamento de cada un, coas súas diferentes variantes de uso como poden ser mobilidade reducida, áreas recreativas para as familias, lugares ao aire libre para a mocidade e maiores, zonas onde tamén poder desfrutar da noite e do verán. É preciso actuar máis alá do centro, podéndose crear pequenos espacios de esparcemento nas parroquias, preto dos palcos ou onde a veciñanza o demande, e tamén pensar nos veciños que teñan animais domésticos. Por iso hai que ser moito máis efectivos e creativos á hora de facer os novos proxectos, buscando o mellor resultado cun bo equipo multidisciplinar, sendo innovadores e actualizándonos, pois dá a sensación que temos un computador que aínda funciona co windous 98.
No desenrolo das obras, os traballos que sexan posibles pódense facer cos traballadores propios do concello, e como reforzo a creación de obradoiros onde ademais de aprender un oficio con formadores profesionais, os alumnos remunerados marinenses poidan acabar traballando para o concello na creación da obra de maneira práctica e cunha adecuada dirección. E unha vez acabada a formación quizais sairán profesionais ao mercado en vez de por exemplo pedir 20 postos de varrendeiros todos os anos á deputación …
Noutros proxectos contar sempre coas empresas de Marín, que son as que temos que coidar e facer crecer, xa que repercutirán en novos postos de traballo e gasto no comercio de Marín, tentando pagar dentro da normalidade e sen demoras desde a administración local.
Nos proxectos de máis envergadura e nos que se sexa preciso contratar empresas externas cómpre estar moi pendentes desde o inicio, no desenrolo da obra ata o final da mesma cumprindo en tempos e orzamento.
En resumo, hai moita marxe de mellora, pero todo camiño comeza cuns primeiros pasos, con decisión e sabendo cara onde ir.
É traballo, pero con motivación e resultados é posible.