O BNG manifesta o firme compromiso co comercio local
Ana Pontón fai un chamamento “a consumir no comercio local e a consumir produto local”
Lucía Santos destacou “a aposta decidida do BNG polo comercio local, un elemento central na economía local que crea riqueza e fomenta a creación de emprego, polo que cómpre fortelecer un sector esencial para o dinamismo económico e social do noso concello.”
Este luns a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, achegouse a Marín, onde visitou varios comercios da nosa vila acompañada pola candidata á alcaldía, Lucía Santos, e un numeroso grupo de representantes do BNG.
A comitiva visitou o Taller Fariña Xoias e Artesanía e Bicos, onde Ana Pontón manifestou unha vez máis o firme apoio do BNG ao comercio local e ao produto de proximidade.
“Quero facer un chamamento, un convite, a consumir no comercio local e a consumir produto local, tanto fresco como manufacturado, sempre que teñamos esta opción”, solicitou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen subliñou as vantaxes de apostar polo feito en Galiza. “A calidade está garantida e, ademais, estamos deixando a riqueza no País, fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social de vilas e cidades”, alegou.
Durante o percorrido polas rúas de Marín, numerosas persoas achegáronse para saudala e intercambiar impresións, tanto con Ana Pontón como con Lucía Santos, recibindo numerosas mostras de simpatía e da necesidade dun cambio de rumbo na política municipal.
Pola súa banda, Lucía Santos, afirmou que “o goberno da Sra. María Ramallo ten abandonado o comercio local, como así o manifesta o propio sector”, un sector que arrastra desde hai anos unha importante crise. Santos lembra que “o BNG leva solicitando nos últimos anos ao goberno do PP un maior apoio ao comercio local e propoñendo varias campañas e distintas medidas, algunha das cales foi recollida polo PP e levada adiante nas últimas semanas, curiosamente na precampaña e na campaña electoral.”
Lucía Santos destacou “a aposta decidida do BNG polo comercio local”, “un elemento central na economía local que crea riqueza e fomenta a creación de emprego, polo que cómpre fortelecer un sector esencial para o dinamismo económico e social do noso concello.” E engade que “o comercio local enche de vida as rúas, xusto o contrario da imaxe de tristeza, deterioro e abandono que transmiten as rúas con persianas baixadas e locais baleiros, como acontece agora mesmo na nosa vila.”
A candidata do BNG á alcaldía de Marín afirmou que “é necesario que o concello fomente a actividade económica, establecendo liñas de acción política que propicien que os axentes económicos teñan máis facilidades para realizar investimentos e xerar emprego.”
Por outra banda, Santos expresou que “o BNG defende a protección dos recursos ambientais, naturais e produtivos e desenvolver o potencial do territorio así como o consumo de produtos quilómetro cero nas instalacións públicas e fomentalo no comercio e hostalaría.”
Santos presentou unha serie de propostas en relación co comercio local:
- Fomentar a área de Desenvolvemento, Formación e Orientación Laboral.
- Revisión e potenciación do portal dixital de comercio local Marín en Rede.
- Analizar a posibilidade de implantar a medio prazo un centro comercial aberto (modelo outlet de Allariz) no casco histórico.
- Da man das asociacións comerciais como Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos de Marín, Acemas Asociación de Comerciantes Marín Sur, Estrela de Marín:
* Promoción do pequeno comercio fronte ás grandes superficies e plataformas.
* Establecemento de programas formativos que impliquen melloras na calidade, xestión e administración.
* Realización de campañas activas de fomento do comercio de proximidade, coa colaboración da Asociación da Praza de Abastos de Marín, Acemas Asociación de Comerciantes Marín Sur, Estrela de Marín, entre outras.
- Potenciación da Mesa Local de Comercio:
* Revisión da Ordenanza Municipal
* Propor a creación dunha asociación específica que englobe aos empresarios individuais ou empresas tanto do sector de comidas e bebidas como os de aloxamento.
* Inclusión de representantes do sector do aloxamento turístico.
- Liña de axudas para a posta en práctica de protocolos ligados á dinamización e diversificación da economía local.
- Recuperación do mercadillo de Seixo.
E en relación co produto de proximidade, cuxa calidade está fora de toda dúbida, Santos defendeu que “o BNG promoverá a promoción da produción ecolóxica, como mellor forma de acadar un maior valor engadido.”